martes, noviembre 26, 2024
InicioNewsO PaísSemana de vacinación masiva en Galicia para 145.000 persoas

Semana de vacinación masiva en Galicia para 145.000 persoas

Esta semana 145.000 galegos e galegas serán vacinados contra a COVID-19. A orde márcaa a data de nacemento, xa non será por orde alfabético. Estenderase ata o domingo: 90.000 persoas de entre 75 e 79 anos recibirán a de Pfizer e 55.000 persoas a de Astrazeneca.

Pulo á vacinación en Galicia tal e como se agardaba para este estreado abril.

O Sergas cita ás persoas que naceron entre os anos 1942 e 1946  atendendo a criterios de idade, comezando polos maiores.
Envíalles un SMS con confirmación e a seguir unha chamada automática para certificar que acudirán a poñer a vacina. Aos que non se localicen volveráselles a chamar ao día seguinte.

Haberá 14 puntos de vacinación:

• Na área da Coruña citaranse 18.300 persoas no IFECO e no Hospital Virxe da Xunqueira.

• Na área de Lugo, A Mariña e Monforte citaranse 11.600 persoas no HULA e nos hospitais da Mariña e Monforte.

• Na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras vacinaranse 12.600 persoas en ExpoOurense e nos hospitais de Verín e Valdeorras.

• En Pontevedra e O Salnés vacinaranse 9.000 persoas no Pazo de Congresos e Fexdega.

• Na área sanitaria de Vigo serán 17.500 persoas as que ser vacinarán en IFEVI.

• En Santiago e A Barbanza 14.600 persoas vacinaranse na Cidade da Cultura e no Hospital de Barbanza.

• Na área de Ferrol chamarase a 6.400 persoas para acudir a FIMO.

Estas vacinacións terán lugar entre o xoves e o domingo día 11.

Os galegos e galegas nados entre o  1956 e 1961 recibirán a vacina de AstraZeneca. Citarase a 55.000 persoas por medio dun SMS que non precisará confirmación. Finalizada cada xornada, chamarase os non asistentes para citalos nos seguintes días dispoñibles.

Neste caso, os puntos de vacinación serán os mesmos que para os citados para poñer o soro de Pfizer. Na área da Coruña e Cee vaise citar 11.250 persoas. Na área de Lugo, A Mariña e Monforte citaranse 7.100 persoas. Na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras vacinaranse 6.600 persoas. En Pontevedra e O Salnés serán 5.350 as persoas que se vacinarán. Na área sanitaria de Vigo serán 11.500 persoas. En Santiago e a Barbanza, 9.200 persoas. Canto á área de Ferrol, chamarase 4.000 persoas.

Estas vacinas poranse entre martes e mércores, agás Ferrol, onde se vacinará entre o mércores e o xoves.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS