“Estampas anagrámicas” é o título da exposición do tudense Rafael García Sánchez que dende este mércores, 7 de abril e ate o 15 de maio, se poderá visitar na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui.
Unha das peculiaridades desta mostra é que volve a exhibirse en Tui logo de 87 anos, pois o autor achegara esta colección para unha exposición celebrada no Casino tudense no ano 1934, ano no que se celebraron as festas de San Telmo no mes de xuño.
A segunda peculiaridade desta exposición é o seu contido. Son 72 láminas coa orixinalidade que cada debuxo, dedicado a unha persoa ou lugar, está realizado combinando as letras da cada palabra, pero asombrosamente esa combinación de letras logra reproducir ou a cara do personaxe ou o símbolo que identifica a cada lugar. Hai unha mestura de sinxeleza, de calidade no trazo e de modernidade logrando unhas imaxes que anticipan as técnicas de deseño contemporáneo.
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, esta exposición recupera para os tudenses a figura deste egrexio debuxante e ilustrador que enriqueceu e enriquece a vida cultural tudense. Rafael García Sánchez era ata o momento un gran descoñecido para os tudenses e con esta mostra recupérase a súa obra artística de notable valía e interese, pois a pesar do tempo transcorrido, as súas ilustracións “anagrámicas” seguen resultando actuais e cun trazo orixinal A exposición, engade, resulta de grande atractivo para todas as idades.
Rafael García Sánchez forma parte dunha xeración de ilustradores tudenses de alta calidade que abrangue a Eduardo Padín Rodríguez (Tui 1886 – Vigo 1979), José Izquierdo Durán “Yzquierdo” (Tui 1890 – Madrid 1930), Guillermo Taboada Infante (Tui 1909 – Madrid 2006) e José Castro Arines (Tui 1911 – Madrid 1997).
Esta colección foi entregada ao Concello de Tui no ano 2019 pola familia Arean Pereira e houbo que agardar ata agora para poder realizar esta exposición coincidindo co programa cultural de San Telmo.