domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsComarcasA empresa FCC recolle o lixo e limpa as ruás de Ponteareas...

A empresa FCC recolle o lixo e limpa as ruás de Ponteareas sen contrato

A empresa FCC realiza a recollida do lixo en Ponteareas e a limpeza do centro urbano actualmente sen un contrato, unha vez que expirou, o pasado 1 de xaneiro de 2024, a concesión do servizo asinada por 16 anos e un engadido de prórroga máxima. Así o acordou a corporación municipal de Ponteareas en pleno. Todos os grupos votaron a favor, excepto o concelleiro de Ponteareas en Común.

A empresa FCC continuará prestando o servizo de recollida e transporte de residuos, limpeza viaria e xestión do punto limpo ata que o Concello tramite un novo expediente de contratación do servizo, licíteo e adxudíqueo. O contrato con FCC finalizara xa o pasado xaneiro de 2023 pero contemplaba unha prórroga dun ano e o anterior goberno BNG-PSOE utilizouna co visto e prace da corporación anterior. Consecuentemente, o pasado 1 de xaneiro de 2024 expirou definitivamente o contrato, sen que tivesen cabida novas prórrogas. Pendente ata 2025 Sen estar tramitado e finalizado o expediente necesario para unha nova adxudicación en réxime de concesión, o goberno propuxo ao pleno que FCC continuase prestando este servizo, que é necesario e obrigatorio, ata unha data indefinida.

O goberno ponteareán (PP-ACIP- Independentes Ponteareas) estima que a tramitación da nova concesión dilatarase aproximadamente un ano, ata 2025, segundo apuntou no pleno o tenente alcalde (ACIP), Juan Carlos González Carrera, que presidiu esa sesión ordinaria, en decembro, en ausencia da alcaldesa Nava Castro. No pasado mandato, segundo explicou a exalcaldesa do BNG Cristina Fernández, o Eixo Atlántico ofreceu ao Concello de Ponteareas, sen custo, “facer o estudo e valoración, e mesmo os pregos, que poderían ser determinantes para unha nova licitación do servizo” de maneira que “ eses estudos serían para Ponteareas pero servirían tamén despois a outros concellos para que se adapten ás normativas europeas”. O Eixo Atlántico do Noroeste Penínsular é un organismo sen ánimo de lucro, que integra concellos galegos e do norte de Portugal, e dedícase a apoiar iniciativas que fomenten a cooperación transfronteiriza.

Non faltou un cruzamento de acusacións no pleno, entre o goberno actual e o anterior, ao non estar tramitado aínda o expediente para concesionar de novo este servizo esencial. O concelleiro de Servizos Comúns (PP), José Manuel Cao, achacou ao goberno BNG-PSOE non actuar a tempo. Acusou o bipartito de iniciar “contactos informais” en marzo, tres meses despois de que finalizase o contrato e a só tres meses das eleccións municipais. Pola súa banda, a exalcaldesa (BNG), Cristina Fernández, xustificou que o estudo non podían empezalo antes de marzo porque requiría estar a funcionar, un mínimo de tres meses, o servizo para valorar e cuantificar, que incluía tamén a recollida dos biorresiduos, que ata o de agora non figuraba no contrato anterior do servizo “para valorar o seu custo e se había incidencias. O que non sabemos é se estivo parado ou que pasou no últimos seis meses”. Acusación esta última da que se defendeu o edil de Servizos Comúns: “A maioría da información que lle pasou o concello á xerencia do Eixo Atlántico tiña moitos erros, polo que tendo a base errónea, é difícil que as decisións fosen acertadas. Non contemplaba a realidade de Ponteareas” asegurou Cao e anunciou unha reunión esta semana co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, ademais de esixirlles “a máxima présa”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS