viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsComarcasSalvaterra comeza os preparativos do seu Enterro da Lamprea

Salvaterra comeza os preparativos do seu Enterro da Lamprea

Abre, o vindeiro luns 15, o prazo de inscrición de carrozas e comparsas

O Concello de Salvaterra de Miño anuncia que dende o vindeiro luns 15 de xaneiro e ata o mércores 31 do mesmo mes todas aquelas comparsas ou carrozas que queiran participar no Enterro da Lamprea 2024, que se celebrará o sábado 17 de febreiro, deberán inscribirse, a través de sede electrónica as asociacións e de rexistro ou sede electrónica as agrupacións.

Só se poderá inscribir unha comparsa ou carroza por asociación ou persoa. As modalidades son categoría de carroza, composta dun mínimo de 25 participantes e unhas dimensións mínimas de 5 metros de longo, e categoría de comparsa, as que teñan un mínimo de 20 membros. As comparsas ou carrozas deberán gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario coma na súa actuación. Non se considerarán como comparsas ou carrozas con dereito a inscrición e participación aquelas que en anos anteriores repetiran, no substancial, o seu disfrace.

Os premios serán á participación e oscilarán entre os 100 e os 600 euros, dependendo da categoría e da cantidade de participantes.

Dende o Concello queren recordar que todas aquelas persoas que queiran participar no enterro de forma persoal, e non a través dunha carroza ou comparsa, poden facelo dentro da propia comitiva da defunta lamprea, formando parte do grupo de choronas que acompañan á lamprea, de loito rigoroso.

Un ano máis, o desfile que percorrerá as principais rúas de Salvaterra de Miño sairá ás 17.00 horas dende a rúa Rosalía de Castro para rematar na Praza do Concello. As bases e información relacionada pode consultarse xa na páxina web do Concello

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS