domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoSemana Santa a pé de muíño en Tui e O Rosal

Semana Santa a pé de muíño en Tui e O Rosal

Xornadas de Portas abertas nos muíños do Tripes e rutas guiadas nos do Picón e do Folón.

A Asociación Muiñeiros do Río Tripes organiza unhas xornadas de portas abertas en Semana Santa. Desde este xoves, día 1 de marzo, ata o domingo, día 4, a Asociación abrirá diferentes muíños ao longo do percorrido da senda do río Tripes, en Tui, para que os visitantes que queiran achegarse a este fermoso paraxe natural e etnográfico poidan contemplar o interior destas construcións tan características do patrimonio cultural galego.

Nas últimas semanas, a consecuencia da pandemia e os diferentes peches perimetrais, aumentou o número de visitantes que percorreron o sendeiro e se interesaron polos muíños e a xente que os mantén en bo estado. Debido a isto xurde a iniciativa de abrir algúns dos 25 muíños co fin de que todo o mundo poida coñecelos sen xerar aglomeracións.

Os membros da asociación estarán presentes para informar e atender ao que alí se acheguen; sempre mantendo as medidas sanitarias oportunas e estipulando unha capacidade máxima no interior dos muíños de dúas persoas. Non será preciso ningún tipo de inscrición nin cita previa.

Muíños do Folón e do Picón

Por outra banda, outro conxunto de muíños singulares no Baixo Miño son os sesenta muíños en cascada do Folón e do Picón, en O Rosal. Aínda que o seu percorrido é totalmente aberto, o Concello do Rosal ofrece varias rutas guiadas para esta Semana Santa, consistente nun itinerario de 3,5 quilómetros por unha ruta homologada pola Federación Galega de Montañismo. Os participantes poderán coñecer a historia e os diferentes recunchos destes muíños singulares da man dun guía especializado acreditado pola Xunta de Galicia.

Para poder garantir as distancias de seguridade entre os asistentes, os grupos estarán limitados a 8 persoas. As rutas serán o xoves, o venres e os sábado, días 1, 2 e 3 de marzo, con saída ás 11.30 horas desde a área de visitantes do BIC-Muíños do Folón e Picón. As persoas interesadas en participar deberán facer a súa reserva a través da web do Concello, no espazo habilitado dentro da axenda cultural. As rutas terán un custe de 2 euros por persoa.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS