A Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) presentou este mércores Activa Emprega, empresa de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero impulsada pola propia Aemos co gallo de seguir avanzando cara a un modelo empresarial máis inclusivo e comprometido co entramado social presente no territorio.
Ao acto de presentación asistiron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, entre outras personalidades.
Alí, a conselleira destacou que se estea a poñer o foco nestas mulleres en situación de vulnerabilidade, para que poidan incrementar as súas oportunidades laborais e, en consecuencia, as posibilidades de independencia económica e de refacer as súas vidas lonxe dos seus agresores e das situacións de violencia vividas.
Na súa intervención, Elena Rivo agradeceu a sensibilidade e a implicación de Aemos con esta iniciativa, que aposta pola capacitación profesional das mulleres vítimas da violencia de xénero de cara á súa incorporación efectiva no mercado laboral, baixo o paraugas da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga). Vén culminar, segundo resaltou, máis de 15 anos de colaboración da entidade co Goberno galego, para levar a cabo programas de inserción laboral que xeren oportunidades, en especial, a persoas vulnerables. Non só en Mos senón tamén na súa contorna, dentro da comarca de Vigo