O CEIP Plurilingüe de Leirado en Salvaterra de Miño vén de ser galardoado no IX Concurso de Traballos por Proxectos que foi convocado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa no contexto do Plan LIA de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
O proxecto premiado foi “Mergúllate con nós: Descubre e aprende”, na modalidade de proxectos documentais integrados, coordinados dende a biblioteca escolar. Entre os criterios tidos en conta para a valoración do proxecto figura a participación de toda a comunidade educativa no seu desenvolvemento. “Este premio supón, unha vez máis, o recoñecemento de que o deseño deste proxecto e os que se están a desenvolver no centro coloca ao seu alumnado no camiño axeitado para acadar a mellor competencia lectora e para acadar competencias que son clave na sociedade da información, nomeadamente a súa competencia para o uso e produción de información”, sinalan dende o propio colexio, dende o cal esperan contar coa colaboración novamente de toda a comunidade educativa para o desenvolvemento de proxectos vindeiros