A homenaxe a Castelao no aniversario do seu pasamento co que tradicionalmente o BNG abre o curso político, converteuse nesta ocasión nun gran acto de arranque de campaña cara a cita electoral do 18F, porque “nin estamos ante un inicio de curso máis, nin estas son unhas eleccións máis”, salientou na súa intervención a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón.
Ao contrario, subliñou, estas son as primeiras eleccións en catorce anos “cuxo final non está escrito de antemán”, senón que a escolla é entre dúas alternativas: “Un goberno do PP co candidato Rueda como presidente, que nos deixa unha Galiza máis pequena; ou un goberno liderado polo BNG, cunha presidenta preparada para poñer en marcha unha Galiza en grande”
Pontón pediu á militancia “ser unha soa voz coa que chegar a cada recuncho do País” para explicar que é posible superar un goberno “incompetente” que deixa un País peor do que encontrou” Pontón apelou a poñer en marcha un cambio liderado polo Bloque para converter as ideas en feitos. “Fronte a un PP esgotado e sen ideas, falamos dun país produtivo que cun goberno do BNG rexenerará as rías; falamos de máis calidade de vida, e para iso poremos en marcha nos cen primeiros días do meu goberno un plan de choque en atención primaria ou falamos de poñer a enerxía ao servizo do País”, salientou.