O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asume a responsabilidade de liderar a candidatura do seu partido ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro con convencemento e firmeza pero tamén con humildade, e co obxectivo de seguir gobernando para que Galicia non pare: “Quero gañar obtendo a confianza maioritaria da xente na miña palabra e tendo feitos cos que merecela, debéndome só aos galegos e ás galegas”.
Chamando aos seus a non caer no conformismo e a non dar nada por gañado, o presidente quixo agradecer o seu apoio a todos os que o acompañaron ao longo deste camiño e presentouse ante eles non só como candidato á Presidencia, senón como “militante de base e como persoa que cre que a política do PPdeG é a máis útil para mellorar as cousas”.
Tal e como xa comprometera o día que convocou as eleccións, Alfonso Rueda apostou por unha campaña “afastada da descualificación, da tensión, da crispación, de levantar muros e de falar mal de Galicia”. Promete, pola contra, facer unha campaña “centrada en Galicia e que fala de Galicia”, xa que iso é o que os galegos “demandan e necesitan”. Ao acto, celebrado en Santiago de Compostela, asistiron 1.500 persoas e nel tamén interviñeron, en representación de cada provincia, o presidente local do PP de Santiago de Compostela, Borja Verea; a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa; e o alcalde da Estrada, José López Campos.