As tres últimas etapas da proba raíña do ciclismo en España disputaranse pola xeografía galega que nesta edición coincidindo o Xacobeo concluirá diante da Catedral de Santiago
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou “a importancia desta competición como escaparate turístico para promocionar o turismo galego e o Camiño de Santiago en todo o mundo debido ao seu impacto mediático”. Así, durante o acto de presentación destas tres últimas etapas que acollerá Galicia do 3 ao 5 de setembro, no que tamén estiveron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, Rueda subliñou que “estas tres etapas permitirán amosar a comunidade en todo o seu esplendor a través das paisaxes da Ribeira Sacra ou as Rías Baixas atravesando tamén lugares de paso das distintas rutas xacobeas e confluíndo no último tramo ata chegar a Santiago de Compostela”.
Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte destacou a importancia do ciclismo xa que segundo os últimos datos esgrimidos pola Real Federación Española de Ciclismo, “21 millóns de persoas en España teñen unha bicicleta na súa casa e úsana, mentres que o 90% dos españois saben montar en bicicleta”. Tras destacar a importancia do ciclismo na consecución de obxectivos primordiais para o deporte galego como a igualdade e a inclusión, salientou o seu papel na pandemia xa que é unha actividade que achega “mobilidade, práctica deportiva ao aire libre e sen aglomeracións e respecto ao medio ambiente”.
Percorrido
Nesta edición de 2021 a proba atravesará na súa antepenúltima etapa o 3 de setembro os concellos de Monforte, Lugo e Sarria para continuar polas Rías Baixas desde Sanxenxo a Mos pasando por Pontevedra, Redondela, O Porriño e Baiona deixando para a contrarreloxo individual do domingo 5 de setembro o tramo de Padrón a Santiago de Compostela, para chegar como tódolos peregrinos á porta da Catedral compostelá.
Por iso, no acto de presentación tamén estiveron presentes os alcaldes de Santiago de Compostela, Padrón, Sanxenxo, Mos, e Monforte de Lemos, municipios de saída e chegada das tres etapas pola comunidade. Tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz