A Consellería de Sanidade fai un chamamento a cidadanía para que se vacine da gripe e do covid antes de que remate o ano. A tal efecto, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, o día 9 do presente mes, remata a vacinación da gripe e da covid nos grandes recintos. Deste xeito, dende o luns, 11 de decembro, o departamento sanitario galego continuará inmunizando á cidadanía galega nos hospitais e centros de saúde.
As persoas de 80 e máis anos, como ata o de agora, poden acudir previa cita ao seu centro de saúde de cabeceira para recibir a vacina de covid e gripe.
Se o prefiren poden acudir a vacinarse nos hospitais, como terán que facer o resto das persoas menores de 80 anos que teñen indicada a vacinación de covid e gripe. Para iso, deben coller autocita nos días e horas dispoñibles, que se poden consultar no seguinte enderezo:
https://coronavirus.sergas.es/Contidos/PUNTOS-VACINACION-COVID-GRIPE-2023
As persoas que só queiran poñer a vacina da gripe, poden acudir ao seu centro de saúde pedindo cita de maneira habitual.
Gripe en nenos de 6 a 59 meses
Por outra banda, a fin de semana do 16 e o 17 deste mes ábrense os hospitais para a vacinación da gripe nos nenos e nenas de 6 a 59 meses. Trátase dun novo chamamento para facilitar a conciliación, e que se poida vacinar aos cativos na fin de semana, xa que é posible facelo calquera día da semana nos centros de saúde. A Dirección Xeral de Saúde Pública procederá a facer a convocatoria, de novo, por SMS.
Vixilancia da gripe e da covid
Segundo o último informe de vixilancia da gripe que realiza a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a actividade gripal referida á semana epidemiolóxica que rematou o 3 de nadal, mantense nun nivel baixo de intensidade, se ben o número de consultas por gripe está a aumentar respecto da semana anterior. En concreto, a taxa de consultas de atención primaria no conxunto de Galicia medrou un 73% respecto da semana anterior. A suba observouse en todas as provincias, especialmente na de Lugo e Ourense, e en todos os grupos de idade.
Xunto ao anterior, nesta semana epidemiolóxica notificouse o ingreso de 91 persoas con gripe confirmada, un 40% máis que a semana previa, sendo a taxa máis elevada a observada no grupo de 65 e máis anos de idade, seguido do de 0 a 4 anos. No que vai de temporada notificáronse 257 ingresos, todos con virus do tipo A, e trece deles ingresaron na UCI.
Polo que atinxe á covid, mantense o número de casos constante dos dous últimos meses. A data de hoxe, 9 persoas permanecen en UCI e 107 están en unidades de hospitalización.
Respecto do virus respiratorio sincitial, Sanidade informa que é o que presenta na actualidade o maior número de casos, atopándonos agora arriba da onda.