martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoReclaman o corpo do único tudense sepultado no Val dos Caídos

Reclaman o corpo do único tudense sepultado no Val dos Caídos

A familia de Domingo Páramos Núñez busca apoios para exhumar os seus restos: «Queremos que o que queda do meu avó veña a súa Caldelas».

Domingo Páramos Núñez, o único tudense enterrado no Val dos Caído do que se ten constancia, está máis preto de volver a casa. A súa neta, Eva Páramos, irrompía onte no pleno da corporación de Tui para pedir o apoio do Concello na repatriación do corpo do seu avó, ao que nunca puido coñecer porque, unha mañá de setembro de 1936, a idade de 55 anos, “foi arrincado da súa casa impunemente e cruelmente diante dos seus dez fillos e a súa muller, golpeado na cara con odio coa culata dun fusil por un falanxista”.

“Chámome Eva. Son neta de dous avós asasinados. Os dous eran bos, honrados, traballadores, demócratas, empresarios e sentíanse da clase obreira”, comezou expondo Eva, salientando que “fai pouco, daquel Val maldito, onde está Domingo, leváronse ao principal causante do xenocidio español. Naquela barbarie que feriu para sempre a millóns de persoas e a toda a nosa familia. A nosa felicidade, desgraciada felicidade, non está no feito de que de alí se levasen ao ditador a outro sitio”. “Queremos que o que queda do meu avó veña a súa Caldelas, que repousen os seus restos xunto a os da súa esposa, seus fillos e seus pais. Queremos levarlle flores”, suplicou a neta de Domingo Páramos.

Domingo, coñecido como “o ferreiro de Caldelas”, deixou orfos a dez fillos con nomes que reflexan a sensibilidade e inquedanzas da familia que construíu xunto a Juliana Riol: Ferrer, Libertad, Aurora, Armonía, Verdad, Floreal, Progreso, Espronceda, Domingo e Julia. De entre todo, o único que aínda permaneces vivo é Espronceda, que a idade de 94 anos, o seu maior desexo é poder recuperar o corpo do seu pai. El, Espronceda, foi o primeiro en asinar a carta dirixida a corporación municipal de Tui, da que Domingo foi concelleiro durante a República.

Sesenta e oito familiares de Domingo repartidos por toda España e Arxentina asinan a epístola, que arrincou os aplausos do conxunto da corporación tudense, onte pola noite. Xunto a Eva Páramos estivo Manuel Vázquez de la Cruz, membro do colectivo da memoria histórica da comarca Levada Libre, que explica que a familia sabe exactamente o número de nicho onde está sepultado Domingo.

“Tui, a última cidade galega en ser tomada polo militares rebeldes contra a legalidade e que entraron na nosa cidade cheos de odio, se vostedes nos axudan, pode ser a primeira de Galicia en recuperar con amor os restos dun demócrata, dunha gran persoa e dun magnífico exemplo para todos os sectores da sociedade”, reclamou a neta “do ferreiro de Caldelas”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS