A Xunta insiste na recomendación de que as embarazadas se vacinen fronte á gripe e a covid polos beneficios en canto á protección ás mulleres e aos seus bebés.
Segundo remarca a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a xestación supón un factor de risco para ter complicacións, que poden chegar a ser graves, tanto no caso de contaxio de covid-19 como de gripe. Ditas complicacións poden afectar á nai e tamén ao feto e poden provocar a necesidade dun consumo de antibióticos non recomendables durante o embarazo. Ademais, en lactantes tamén hai un maior risco de padecer estas enfermidades de forma grave debido á falta de madurez do sistema inmune.
Por iso, o Programa Galego de Vacinación segue as recomendacións de todos os organismos internacionais, nacionais e autonómicos que aconsellan esta vacinación en calquera momento do embarazo e durante o puerperio.
Todas as embarazadas ou mulleres que deran a luz nos últimos seis meses, e non estean vacinadas, poden solicitar cita a través da aplicación Sergas Móbil.
As vacinas de covid e gripe, dado que non inclúen virus vivos, son seguras tanto para a nai como para o feto, ao que ela lle transfire os anticorpos protectores a través da placenta.
As dúas vacinas pódense administrar o mesmo día. De feito, Saúde Pública recomenda que así se faga sempre que sexa posible. Ademais, non é necesario esperar ningún intervalo coa vacina da tos ferina (dTpa), indicada tamén no embarazo (a partir da semana 27 e preferiblemente nas semanas 27-28).
A única particularidade a ter en conta en canto á vacinación fronte á covid-19 é que, se a embarazada xa pasou a enfermidade ou recibiu a vacina con anterioridade, debe deixar pasar tres meses para vacinarse coa nova cepa XBB.1.5.