O Xulgado de Instrución número 1 de Vigo acordou o sobresemento provisional e arquivo da causa aberta sobre o incendio dun edificio de Vigo, sucedido durante a madrugada do pasado 11 de outubro, no que faleceron unha nai e os seus tres fillos e resultaron feridas varias persoas. A maxistrada explica no auto que, tras practicarse as dilixencias de instrución oportunas, non resulta debidamente xustificada a perpetración do delito que motivou a formación da causa. Así, incide en que non resultan indicios “que obxectiven a comisión de infracción penal” nin que o incendio “obedeza a actuación delituosa algunha”.
A maxistrada explica que é “especialmente relevante e significativo” o informe técnico policial sobre as causas e a orixe do incendio, elaborado unha vez concluídos os informes do Laboratorio Químico da Unidade de Análises Científicas da Comisaría Xeral de Policía Científica e á luz da específica inspección técnico policial da Brigada de Policía Científica. O informe, segundo indica no auto, permitiu determinar a existencia dun único foco inicial do incendio, que se situou no lugar onde se atopaba o cadro eléctrico, no portal, xunto ás caixas de correos, cuxo estudo levou á localización de dous tramos distintos de cable de fíos de cobre, os cales presentan empalmes, con rixidez en varias zonas derivadas da fusión e soldadura dos seus fíos por calor interna, é dicir por sobreintensidade.
A calor e o fume xerados, segundo o informe da policía científica, subiron polo oco das escaleiras, causando danos de distinta consideración nas distintas plantas, de maior intensidade nas máis próximas ao portal. Ademais, desde ese foco inicial progresaron cara á porta do portal, onde se atopaban varias bicicletas e un ciclomotor, que polas súas características e elementos (plásticos, gasolina e aceites) implicaron unha gran carga de combustible, a cal provocou un aumento das chamas, a calor e o fume, que, polo efecto cheminea, ascendeu polo oco das escaleiras cara ás plantas superiores. O sobresemento provisional e arquivo da causa non é firme, pois contra a resolución cabe interpoñer recurso.