sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsActualidadeA Audiencia de Pontevedra condena a 14 anos de cárcere ao acusado...

A Audiencia de Pontevedra condena a 14 anos de cárcere ao acusado do crime do hostal de Mondariz

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, de acordo co veredicto emitido polo Tribunal do Xurado, condenou a 14 anos de cárcere a un hóspede temporal dun hostal de Mondariz por asasinar no establecemento, en xaneiro de 2021, a un home que residía nel desde facía uns 17 anos. Á hora de fixar a pena tivéronse en conta as atenuantes de anomalía ou alteración psíquica e confesión tardía.

Na sentenza, de acordo co veredicto, declárase probado que o acusado lle asestou á vítima “entre 80 e 90 puñaladas, en costas, abdome e cabeza” cun coitelo de cociña que adquirira uns días antes. A continuación, trasladou o corpo a un galpón anexo ao hostal, onde o deixou tirado entre entullos. Pola forma en que se produciu o ataque, segundo consta na resolución, a vítima, que foi atacada no espazo comprendido entre a porta da súa habitación e o interior desta, “non puido fuxir nin defenderse de modo efectivo”. Os xurados tamén entenderon que o acusado, no momento dos feitos, actuou “cunha diminución parcial da súa capacidade volitiva, sen que conste ningunha diminución das súas capacidades intelectivas”; e, para colaborar coa Xustiza, confesou ser o autor dos feitos ao comezo do xuízo.

O Tribunal do Xurado declarou probado por unanimidade que o condenado actuou “con intención de matar ou sabendo que isto podía suceder e aceptándoo”. Para iso, tivo en conta, como elementos de convicción ou fontes de proba, a declaración do propio acusado, quen recoñeceu, ao comezo do xuízo, os feitos, así como os testemuños sobre as malas relacións entre ambos por temas de convivencia. Ademais, considerou que o falecido lle transmitiu á persoa que rexentaba o hostal, do que eran os únicos moradores cando sucederon os feitos, o seu temor polas ameazas que lle profería o acusado, así como que comprou un coitelo pouco tempo antes dos feitos e os informes médico-forenses.

“De todos estes datos, así como da entidade das lesións que presentaba a vítima, moitas delas en zonas vitais, tal como se deriva dos informes forenses, infiren que o acusado apuñalou á vítima con intención de matala ou sabendo e aceptando que podía matala”, indica a maxistrada presidenta na sentenza, na que salienta que se dá a aleivosía, circunstancia que cualifica o homicidio en asasinato, porque polo carácter violento da agresión e número puñaladas asestadas; e, á vista da inexistencia de lesións defensivas na vítima ou lesións de consideración no acusado, os xurados entenderon que se produciu unha “arremetida imprevisible”, na que a vítima “non tivo ningunha oportunidade de realizar unha defensa eficaz, única que pode considerarse excluínte do ataque aleivoso”. A sentenza non é firme, pois pode ser recorrida ante o TSXG.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS