A Xunta de Galicia acaba de convocar oposicións para cubrir máis de 300 prazas de emprego público na Administración galega. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de nove procesos selectivos.
En concreto convócanse 331 prazas, todas elas de acceso libre, e ás que poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos e queira acceder a un emprego fixo, estable e de calidade na Administración autonómica.
O total de prazas convocadas distribúense do seguinte xeito: por un lado, 134 prazas no ámbito dos servizos con 117 prazas na especialidade de limpeza e cociña, e 17 na escala técnica de mantemento de servizos.
No ámbito ambiental e dos recursos naturais e forestais convócanse 161 prazas: 96 postos na escala técnica de xestión ambiental, 42 na agrupación profesional para a especialidade de recursos naturais e forestais, 16 na escala auxiliar de recursos naturais e forestais para a especialidade de oficial, e 7 prazas na escala técnica de recursos naturais e forestais na especialidade de capataz.
Ademais, convócanse 15 prazas para a escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos; 12 prazas para a escala técnica de análise de laboratorio; e outras 9 para a escala técnica de delineantes.