A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra que lle impuxo seis anos de cárcere a un condutor ebrio que o 19 de marzo de 2021 invadiu o sentido contrario de circulación e causou un accidente mortal en Salceda de Caselas, no que faleceron unha nai e os seus dous fillos menores de idade, de 13 e 6 anos. O tribunal de primeira instancia considerouno autor de tres delitos de homicidio por impudencia grave e dun delito de condución baixo a influencia de drogas tóxicas.
“En poucos supostos, como o presente, resulta sinxela a conclusión sobre a culpabilidade do recorrente”, salientan os maxistrados do alto tribunal no fallo, no que destacan que se trata de “un accidente brutal, no que perderon a vida tres persoas, sen que a través da instrución ou o plenario se atisbe outra participación nos feitos da condutora que non sexa a de circular por unha estrada na que coincide co acusado, quen decidiu conducir o seu vehículo perfectamente consciente da limitación de facultades debido a unha altísima inxesta alcohólica (pediu en varias ocasións con anterioridade que o levasen ao seu domicilio); faio a 128 km/hora nunha vía na que a velocidade máxima está limitada a 90 e desde o seu carril dereito (carril de marcha lenta) excede tamén o carril de adiantamento, invade o de circulación contraria estrelándose contra o vehículo das vítimas, que circula correctamente, a 61 km/hora, provocando o inmediato falecemento de todas elas”.
“A posición final dos vehículos, que se corresponde con este relato, parécenos incontestable, ao momento de que tal situación, sumada ao exceso de velocidade, á inxesta alcohólica, ao desprazamento do vehículo ata invadir o carril contrario e ao número de vítimas mortais producido, todo iso, parécenos suficiente para colmar a sentenza condenatoria, mesmo sen outras probas adicionais”, recalca a Sala do Civil e Penal na sentenza, na que sinala que, sen cuestionar o dereito de defensa, parécelle irrelevante que o accidente careza de testemuñas directas.
«Feitos claros e lamentables»
O tribunal destaca que “os feitos son tan claros e lamentables que nada cabe obxectar á conclusión da sentenza que se recorre”. Ademais, en relación ao carácter de eximente ou atenuante da embriaguez, sinala que, se o propio acusado tentou atopar a alguén que o conducise ao seu domicilio, e finalmente o fixo no seu propio vehículo, “o que revela é que coñece e asume que non se atopaba en condicións de conducir, comprende que o feito era ilícito, tamén as súas potenciais consecuencias; e, a pesar diso, opta por utilizar o seu propio vehículo para o regreso, conducindo con total desprezo dos límites de velocidade e adaptación ás circunstancias e condicións da vía, co resultado xa coñecido”.
“Pero é que ademais da argumentación da sala de instancia, debemos constatar que, o aparente paradoxo de que a embriaguez constitutiva de delito sexa tamén unha eximente incompleta ou atenuante para aliviar as consecuencias da pena, resólvese no criterio da xurisprudencia, segundo o cal cando a embriaguez forma parte do tipo delituoso non cabe aplicación de eximente ou atenuante algunha”, explica o TSXG na sentenza, que non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.