O presidente do goberno galego, o popular Alfonso Rueda, anuncia unha cota cero para todos os autónomos que inicien a súa actividade en 2024. Dixoo na Mesa do Autónomo que se celebrou en Vilagacía de Arousa. A Xunta de Galicia investirá nesta medida 9,6 millóns de euros e beneficiarán a unhas 10.000 persoas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego lanzará en 2024 de forma pioneira e “novidosa” a ‘Cota cero’ para todas as persoas que inicien a súa actividade como autónomos. Deste xeito, subvencionarase o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se dean de alta o vindeiro ano.
“Galicia é unha terra de emprendemento e ten unha rede sólida que hai que manter e apoiar desde a Xunta”, defendeu Rueda sobre a necesidade desta medida de “estímulo e apoio” que se recollerá nos Orzamentos de 2024. Deuna a coñecer hoxe tras a súa participación na Mesa do Autónomo, celebrada no espazo coworking Dálle que dálle en Vilagarcía de Arousa, onde estivo acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.
O Goberno galego investirá nesta medida 9,6 millóns de euros, coa que se prevé chegar a unhas 10.000 persoas e será compatible coas axudas que a Xunta xa ten en marcha para o inicio da actividade autónoma. Precisamente, o mandatario galego destacou o feito de que a esta partida se engade a outras de apoio recollidas nos Orzamentos de 2024. Así, tamén adiantou que “se duplicarán” ata acadar os 20 millóns de euros as axudas a este sector para cubrir os gastos da primeira actividade. En total, sumando outras iniciativas de apoio, mantemento e fomento, precisou que se destinará o ano que vén a “cantidade importante” de 45 millóns de euros ao emprego autónomo.
Segundo especificou, sumando a ‘Cota cero’ e estas axudas, cada nova persoa autónomo en Galicia poderá percibir ata case 8600 euros en achegas.. O mandatario galego puxo en valor esta aportación, xa que considerou que se trata dunha contía significativa para pór en marcha primeiros proxectos e ideas, á vez que para garantir o revelo xeracional neste sector, xa que advertiu que este eido é dun dos “grandes retos” que ten por diante o tecido autónomo en Galicia.
O mandatario galego incidiu no valor destas medidas coas que o Goberno autonómico contribúe a seguir convertendo a Galicia nunha terra cada vez máis atractiva para emprender. Neste senso, salientou a importancia para a economía galega do papel dos autónomos, xa que Galicia é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de autónomos de toda España, 20 %, fronte ao 16 % da media, o que ten un efecto positivo na economía da comunidade.
Por este motivo, avalou que desde a Xunta se continúen definindo apoios, e que estes se materialicen facéndoo en diálogo co sector. De feito, apuntou que das reunións coa Mesa do Autónomo, como a celebrada hoxe, saen sempre propostas que o Goberno galego ten en conta. “O noso compromiso é escoitarvos para seguir intentando acertar”, concluíu.