viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoUnha investigación busca determinar se cinco homes executados en Salvaterra eran veciños...

Unha investigación busca determinar se cinco homes executados en Salvaterra eran veciños de Moaña

Preténdese despexar unha incógnita con 87 anos - Catro dos fusilados serían irmáns

Unha investigación aberta  trata de determinar se as cinco persoas executadas en Salvaterra de Miño o 18 de outubro de 1936, son cinco veciños de Moaña, que desapareceron aqueles días de outubro para ser “paseados” e nunca foron localizados.

Segundo explicou Xosé Novás Piñeiro, ex alcalde de Bueu e estudoso da memoria histórica, está a investigarse se os cinco descoñecidos de Salvaterra puidesen ser os veciños de Moaña Juan Vázquez Sampedro, Manuel Blanco Costa e o seu irmán José Blanco Costa, Manuel Cancelas Corrales e o seu irmán Eugenio Cancelas Corrales, que só tiña 19 anos.

Novás Piñeiro realizou estas declaracións durante un acto de Memoria Histórica en Salvaterra recollido hoxe no programa GALICIA PRIMEIRA HORA DE SI RADIO.

O estudoso indicou que se celebrou unha reunión no Concello de Moaña á que acudiron familiares dalgunhas destas vítimas. Agora estase no proceso de autorización para a recollida do seu ADN para, posteriormente, exhumar os cadáveres e realizar as comprobacións, se non houbese outras pistas que apuntasen a outras persoas.

Os cinco descoñecidos foran fusilados o 18 de outubro de 1936, durante a Guerra Civil, na zona de O Viso-A Baixiña, en Alxén (Salvaterra), e despois soterrados nunha fosa común á beira da casa da obra de Cabreira, tamén en Salvaterra de Miño. Os dirixentes da Comisión indicaron que son datos que chegaron ata os nosos días grazas á tradición oral e, a pesar dos esforzos de colectivos locais, ata o de agora foi imposible poñerlles nome e apelidos.

O acto de homenaxe a estes “cinco descoñecidos de Cabreira” consistiu no descubrimento dunha placa dun monólito en recordo ás vítimas, xunto ao cal se plantou tamén unha oliveira. Trátase do quinto monumento que a Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica do Condado Louriña e Baixo Miño levantou para lembrar ás vítimas do franquismo, pero, a diferenza dos anteriores, non foi gravado nome algún na placa.

Neste caso tanto o monólito como a placa foron financiadas polo Concello de Salvaterra de Miño. A alcaldesa, Marta Valcárcel (PP) acudiu ao acto.

Conseguimos reunir aos familiares das supostas vítimas daquel día para poder achegarnos a saber a verdade

Audio de Xosé Novás Piñeiro, ex alcalde de Bueu e estudoso da Memoria Histórica

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS