As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP convocan catro xornadas de folga «en defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta», segundo apuntan dende a CIG. Os paros desenvolveranse os días 19 e 25 de outubro e 8 e 15 de novembro e afectarán ás 2.000 traballadoras e traballadores dos 200 centros que hai en Galicia.
Amais, convocan mobilización na cidade de Vigo, a partir das 12:00 horas dende o MARCO ata Sol, e na Coruña, a partir das 12:00 horas dende a Praza de Pontevedra ata o Obelisco.
As centrais sindicais denuncian «o inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3, xa que tras máis dun ano e 10 reunións non se avanzou nun acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social».