En Trabada, na mariña de Lugo, arderon máis de 450 hectáreas de terreo forestal nun incendio que comezaba este xoves pola tarde e aparentemente provocado.
O principal problema foi o forte vento, con refachos superiores a 80 quilómetros por hora.
O incendio, que afectou tamén o concello veciño de Ribadeo, obrigou a cortar ao tráfico a autovía do Cantábrico (A-8), como consecuencia do fume e das cinzas en suspensión que provocou o lume e dificultaba moito a visibilidade para os usuarios da vía.
O conselleiro do Medio Rural, José González, sinalaba que tanto neste como noutros incendios que nas últimas horas afectan a Galicia, a intencionalidade é clara. «Hai sempre un conxunto de desalmados que, cando se dan determinadas circunstancias climatolóxicas, ademais sábeno perfectamente, saben que viña un vento do suroeste, e que no sitio no que puxeron o lume ía dar moitos problemas», afirmaba o conselleiro que apelaba «á colaboración cidadá».
Outros incendios
Tamén na Mariña, en Foz, catro frontes de lume, relativamente próximos entre si, arrasaron xa unhas 70 hectáreas.
En Chantada, na parroquia de Requeixo, contra ás 13:00 deste venres deron por extinguido un incendio que afectou a unhas 89 hectáreas.
En Vilariño de Conso, o incendio iniciado na parroquia de Chaguazoso, segundo o último cálculo as hectáreas afectadas son 360, logo de quedar estabilizado.
En Lobeira, está extinguido o que prendeu na parroquia de Parada, e que afectou o Parque Natural do Xurés-Baixa Limia e que queimou xa unhas 110 hectáreas.
O que mellor evolución ten é o que afectou a parroquia de Nieva, en Avión, e que esta mañá se deu por extinguido, tras afectar a máis de 70 hectáreas.
O conselleiro de Medio Rural, José González: