sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsO PaísConvenio da Xunta co Campus Industrial de Ferrol para a especialización

Convenio da Xunta co Campus Industrial de Ferrol para a especialización

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, destaca a sinatura dun convenio de financiamento a 3 anos co Campus Industrial de Ferrol para abordar os novos retos como campus especializado

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a sinatura, entre maio e xuño, dun convenio de financiamento a 3 anos co Campus Industrial de Ferrol para abordar os novos retos como campus especializado.

Durante o acto de entrega da acreditación, Feijóo valorou o compromiso do campus co futuro da comarca, converténdose no primeiro acreditado do Sistema Universitario Español e o primeiro especializado na industria naval. E incidiu en que esta acreditación potenciará as súas estruturas de investigación, ademais de estreitar as relacións coas empresas da contorna, redundando no desenvolvemento da comarca.

“Estamos a falar de intensificar a captación de talento e a produción científica, de mellorar a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo e de seguir afondando na internacionalización”, dixo, referíndose ás liñas que ten que desenvolver o campus nos próximos tres anos.

Así mesmo, destacou o proxecto presentado polo Campus Industrial de Ferrol, baseado na especialización en cinco eixos, ligados aos piares fundamentais da Fábrica do futuro: robótica aplicada á industria; fabricación aditiva e materiais intelixentes; optimización dos procesos industriais e loxísticos; deseño industrial e desenvolvemento de produto; e xestión de formación, talento humano e riscos na fábrica do futuro.

«O fin último é tecer sinerxías con sectores fundamentais para a comarca como a industria naval, a do metal, o sector marítimo e portuario-loxístico ou a xeración de enerxía”, explicou.

“En definitiva, nesta nova etapa o Campus de Ferrol buscará ser o principal axente de transferencia e colaboración do tecido produtivo industrial. E isto pasa por promover unha estrutura participativa e conectada coas demandas da industria e a sociedade, crear un centro de xeración de coñecemento e I+D especializado; e exercer como referente no ámbito da industria intelixente e da fabricación avanzada”, abundou.

Novos retos: plan de financiamento 2022-2026 e mellora do mapa de titulacións

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta lembrou que este proceso está inspirado nos retos da universidade do século XXI, que camiña cara á internacionalización e a cooperación entre institucións e empresas; a mellora da competitividade nun mundo global; o fomento da I+D+i; ou a mellora da empregabilidade, cunha maior correspondencia entre a oferta académica coas necesidades da contorna.

“E, nesta liña de traballo, convócannos dous retos”, aseverou, resaltando, primeiramente, o plan de financiamento para o período 2022-2026, que terá como retos: blindar o financiamento universitario, permitir a planificación a medio prazo das universidades, mellorar a eficiencia do sistema e render contas ante a sociedade galega, e formar aos profesionais que se precisarán para a vindeira década.

No tocante ao outro gran reto, a mellora do mapa de titulacións, Feijóo destacou catro liñas de accións: a revisión da normativa autonómica, a mellora dos títulos duplicados sen demanda e outros de baixa acollida, a implantación de 15 másteres acordes cos roles profesionais de futuro, e a formulación de 10 graos que pechen o catálogo cos títulos que aínda non poden estudarse na Comunidade.

Logo de subliñar que este proceso de especialización está xa a dar os seus froitos xa que, desde o seu inicio, o alumnado de primeiro curso matriculado no campus de Ferrol aumentou un 40% en novos graos, Feijóo concluíu afirmando que o que se consigue hoxe é o resultado dun camiño de anos transitado coa vontade de responder aos retos do presente e do futuro das universidades.

Non en van, este vieiro comezou en 2013, coa posta en marcha do programa para impulsar a especialización dos campus do Sistema Universitario Galego. Esta iniciativa contou cun investimento total de 17,5 millóns entre 2013 e 2020, para o desenvolvemento de oito proxectos: o campus Industrial de Ferrol, o campus Innova na Coruña, o campus Sustentabilidade tamén na Coruña, o campus Terra en Lugo, o campus Cidadanía en Santiago, o campus da Auga en Ourense, Vigo Tecnolóxico, e o campus Crea en Pontevedra. 

Entre os proxectos que se desenvolveron en Ferrol, nos últimos anos, para avanzar na especialización destaca a creación da unidade mixta de investigación UDC-Navantia, para desenvolver novas técnicas e tecnoloxía que permitan incrementar a competitividade do estaleiro. Aínda que o avance máis significativo foi a renovación da oferta académica para aliñala coa industria intelixente, poñéndose en marcha seis títulos: máster en Eficiencia e aproveitamento enerxético; grao bilingüe en Xestión industrial da moda; máster en Deseño, desenvolvemento e comercialización de videoxogos; máster en Enxeñería de deseño industrial; grao en Xestión dixital da información e comunicación; grao dual en Enxeñería electrónica.

Unha comarca con futuro “se cada un cumpre co seu deber e cos seus compromisos”

O presidente da Xunta aproveitou o acto para garantir o compromiso do Goberno galego con Ferrolterra. “Esta comarca ten futuro se cada un cumpre co seu deber e cos seus compromisos”, dixo, salientando a modo de exemplo as iniciativas da Xunta para facilitar solo industrial na comarca, para impulsar a rehabilitación de Ferrol Vello e para construír unha nova cidade con máis sanidade e máis servizos sociais.

Neste mesmo sentido, e ademais da falta de carga de traballo, referiuse ao incumprimento de Navantia coa remodelación e modernización do seu estaleiro. “Nós non nos imos a fartar de falar do que está por facer. Seguiremos recordando os compromisos que cada institución ten con Galicia; e seguiremos traballando con todas as institucións que queiran traballar, rendendo contas aos cidadáns, cada un das súas responsabilidades”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS