Ponteareas xa ten luz en todos os centros municipais. Así o fai saber o Concello nun comunicado no que apunta que «enmendase os problemas da xestión económica do anterior goberno e recupera o servizo eléctrico, conseguindo restablecer a normalidade en todos os centros municipais en tempo récord».
O actual grupo de goberno, do Partido Popular e Independentes de Ponteareas, sinala que mantiveron varias conversas directas coa directora xeral da eléctrica e co responsable comercial «para buscar solucións a un problema herdado do anterior bipartido, do BNG e do PSOE». Critica que «quedan ao descuberto na súa xestión económica dos últimos oito anos a tenor das irregularidades atopadas polo actual grupo de goberno que está solucionando contra reloxo para garantir os servizos aos veciños e ás veciñas».
No referido ao restablecemento da luz, apunta o goberno de Nava Castro que «tras unha ardua negociación, a electricidade quedou restablecida e garantida en todos os centros que sufriran cortes de luz ata en dúas ocasións nos últimos meses». Así, «volve á normalidade o correcto funcionamento dos mesmos».
Caixa de Pandora
O goberno municipal insiste en que «existen informes e probas irrefutables que están sendo aportadas día a día e que demostran o que dixemos dende o primeiro día no que entramos no goberno» polo que «queda patante a neglixencia exercida en todas as áreas de goberno municipal por parte da coporación do BNG-PSOE».
Neste contexto, o grupo de goberno liderado pola popular Nava Castro alerta que «esta situación non é a única derivada da mala organización dos orzamentos, estamos ante unha caixa de Pandora e non sabemos o que está por vir». Lamentan que «as expectativas non son moi boas, pero seguiremos traballando arreo para solucionar os problemas e devolverlle a ilusión a Ponteareas».