viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasÁrea de Vigo168 mulleres participarán este sábado no primeiro trail de relevos unicamente feminino,...

168 mulleres participarán este sábado no primeiro trail de relevos unicamente feminino, que se celebrará en Nigrán

- A iniciativa parte da asociación Asaltamontes, fundada pola atleta Aroa Sío e Arantxa Pérez de Lis, e o obxectivo é motivar a máis mulleres a que practiquen este deporte todavía moi minoritario entre elas

O Concello de Nigrán fará Historia no deporte español o sábado 9 de setembro deste ano en Monteferro, cando 168 mulleres participen por vez primeira nun trail por relevos exclusivamente feminino. A proba, bautizada como ‘Asaltamontes Female’, tome o nome da devandita asociación, fundada a finais do ano pasado pola corredora profesional Aroa Sío (natural de Fragoselo, Vigo) e a súa amiga Arancha Pérez de Lis co obxectivo de animar a máis mulleres a “botarse ao monte” porque elas seguen a ser unha clara minoría neste deporte. Esta carreira pioneira terá lugar durante toda a mañá en Monteferro en equipos de 4 mulleres.

“Non podemos esta máis orgullosos de facer Historia no deporte do noso país; sabemos que a partir desta proba de Nigrán virán moitas máis en puntos de toda a Península porque cundirá o exemplo”, explica o alcalde, Juan González, quen, de feito, agradece a Asaltamontes ter presentado este proxecto ao Concello de Nigrán.

A carreira é de prácticamente 3 km (percorrido circular) e será en equipos de 4 e por relevos, cunha duración de 5 horas de 9:00 a 14:00 horas. As categorías serán 5 (de ‘baby’ a ‘cañeras’), compostas pola suma de idades dos equipos. Esta deseñada así para, precisamente, favorecer a parte máis lúdica deste deporte e “enganchar” a todas aquelas mulleres que se animen por primeira vez.

“A contorna é marabillosa, o desnivel pequeno e non é unha carreira moi técnica, o obxectivo é que precisamente sexa un trail sinxelo que axude a que as mulleres lle perdan o medo a correr”, explica Arancha, quen recoñece que cando comezou, con 39 anos, este deporte a salvou dunha depresión. “Correr é saúde mental e física, pero moitas veces as mulleres non se atreven a saír soas ao monte ou non ven o momento, ou están centradas nos coidados familiares, por iso creamos Asaltamontes, para animarnos entre todas a correr en grupo. Quen o proba non o deixa”, garante. Así, aínda que esta será a primeira carreira oficial que organizan, “as asaltamontes” que a través de whatsapp quedan para correr en lugares como Fragoselo, Saiáns, Coruxo, Redondela… Aínda que o grupo de idades é moi amplo (moitas acuden coas súas fillas) o común é que sexan mulleres de entre 30 e 50 anos que retoman esta afición da infancia ou adolescencia, como lle pasou á propia Aroa Sío (en cambio, Arancha non tiña practicado trail antes).

En Galicia, só o 10% do total de participantes nas competicións de trails son mulleres. A celebración en Nigrán desta proba exclusivamente feminina agárdase que contribúa a aumentar esta porcentaxe, ese é o obxectivo final.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS