domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsO Servizo de Atención Temperá de Covelo, unha gran axuda na volta...

O Servizo de Atención Temperá de Covelo, unha gran axuda na volta a clase

- Consellos, xogos e trucos baseados en anticipar o cambio de rutina, familiarizarse cos hábitos do curso e contribuír a soster as emocións que poidan aparecer

“Despois de case tres meses sen acudir ao colexio é normal que ás nenas e nenos lles custe volver adquirir a rutina do curso, por iso durante as primeiras semanas é probable que estean máis irritables, nerviosos e cansados” así o explica Olalla Rodríguez, psicóloga responsable do servizo público de Atención Temperá do Concello de Covelo.

Para que a volta ao cole sexa un pouco máis doada as tres profesionais deste servizo municipal que atende no centro de saúde de Maceira recomendan seguir algunhas pautas para unha mellor adaptación. Olalla Rodríguez, psicóloga; Cristina Sandes, terapeuta ocupacional e Aldara Raposo, logopeda, queren compartir coas familias algúns consellos, xogos e trucos baseados en anticipar o cambio de rutina, familiarizarse cos hábitos do curso e contribuír a soster as emocións que poidan aparecer.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, agradece a implicación das profesionais deste servizo que dende hai un ano axuda ás familias con necesidades específicas. “Sen saír do noso concello podemos contar co apoio de profesionais expertas que acompañan ás familias derivadas do servizo de pediatría e que unha vez á semana atenden no noso Concello para mellorar o desenvolvemento das nenas e dos nenos que o precisan”.

A ferramenta principal é a comunicación e a comprensión, falar do remate das vacacións, do comezo do curso, do reencontro, ir tachando os días, aproximar os horarios á rutina escolar, rescatar bos recordos e moitas doses de empatía e paciencia son algúns dos segredos para facer máis levadeira a posible rebeldía que pode aparecer nos días previos ante o nerviosismo do cambio.

“O máis importante é saber que o teu fillo/filla non fai nada para “fastidiarte”. Son nenos e nenas pequenas, que non entenden ben os cambios de rutina e non comprenden igual que os adultos os tempos, os cambios exactos que se van producir, etc. Por iso, o entorno (as nais e os pais, sobre todo) debe xogar un papel fundamental no apoio aos máis pequenos nestes momentos confusos e complexos para eles/as. Con ese apoio a volta ao cole será menos estresante para toda a familia”, explican dende Atención Temperá Covelo.

Consellos para comezar o cole

• Anticipar o cambio de rutina:

Falarlles de que o tempo de vacacións está a punto de rematar e volverán ao cole. En casos de nenos e nenas máis pequenas, ou con algún tipo de dificultade relacionada coa comprensión ou rixidez mental, podemos axudarnos de imaxes que describan ese proceso de volta ao cole, con instrumentos como calendarios no que se vexan os días, e se sinale con imaxes o día no que comeza o cole, facendo una conta atrás, xa que os apoios visuais son de moita axuda nos nenos e nenas.

Podemos ir tachando días, para que visualmente vexan que o día de comezar o cole se acerca (ten en conta que un neno ou nena menor de 6 anos non ten adquiridos os conceptos de tempo e espacio, polo que non entenderán conceptos como “dentro dunha semana” ou “dentro de poucos días”)

• Anticipar os hábitos do curso:

Durante o verán toda a familia funciona de xeito distinto; os horarios flexibilízanse, as actividades cambian, as persoas cas que estamos tamén en moitas ocasións….

O ideal é comezar coa rutina do curso uns días antes do comezo do mesmo, adiantando a hora de deitarse, facendo actividades máis tranquilas e incluso relacionadas coa volta ao cole (ir comprar material, firmar os libros, elexir mochila,etc) de forma que lles resulte motivante.

• Falar do cole:

Os días previos á volta ao cole, podemos empregar un tempo en recordar as cousas que lle gustan a nena/o do cole: compañeiras/os que non ven durante o verán, volver ver á profe se lles gusta, recordarlle o ben que o pasaron o ano pasado…se pode ser con recordos de actividades concretas (“acórdaste que ben o pasaches nas actividades de nadal?/ entroido?…aquel día que debuxastes cos dedos?”…etc)

• Soster as emocións que aparezan:

Ante o cambio de rutina, aparecerán no neno/a distintas emocións, que poden ser, en ocasións, contrarias entre sí, pero todas son lícitas e normais, e así llo debemos facer saber e sentir, preguntándolle cómo se sinten, normalizando ese sentir e permitíndolles estar un pouco máis irritables e desorientados ese días. Quizáis estéan ”máis rebeldes” e necesiten da nosa axuda como adultos/as para xestionar emocións que eles non comprenden.

Algunas formas concretas nas que podemos axudalos son, por exemplo:

A nena/o non quere recoller os xoguetes e entra en rabieta. Ofrecémoslle axuda e recollemos con eles/elas ou incluso recollemos nós os xoguetes algún día. Isto non supón facelos “consentidos”, senón brindarlle axuda emocional cando están sobrepasados, como faríamos con calquera persoa do noso entorno.

Ás veces esixímoslle máis aos nenos/as que aos propios adultos e non entendemos as súas emocións e necesidades.

Así, por exemplo, se un día non quere comer, podemos intentar darlle nós a comida, ou se non se quere deitar, podemos negociar con eles/as o tempo que poden estar na TV ou xogando (“cando a agulla do reloxo estea aquí (sinalando o número) imos á cama, vale?”, ou dando avisos “cando remate de recoller isto, imos ir á cama, vale?”, repetíndollo algunas veces.

Isto é válido patra calquera outra situación na que vemos que o neno/a está máis irritable. Facilitarllo axudaralle moito a xestionar a frustración e desorientación que sufren esas semanas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS