viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o IES de...

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o IES de Mos

- Na súa visita ao instituto, anuncia o remate das obras de ampliación para o inicio de curso e a implantación do ciclo de FP Básica en Servizos comerciais

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, realizou hoxe unha visita ao instituto IES de Mos, onde estivo acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Educación, Julia Loureiro, os tamén edís mosenses Camilo Grandal e Feli Rodríguez, e os directores e directoras de todos os centros educativos públicos do municipio; e comprobou o avance das obras de ampliación do centro, incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que ve incrementado nun 27% o seu orzamento total ata os 243M€ para atender as necesidades de modernización dos centros galegos por parte da administración autonómica.

Nova FP Básica e mellor biblioteca

No referido ao instituto IES de Mos, o conselleiro explicou que se invisten máis de 720.000€ nas obras de ampliación. “Unha actuación coa que damos resposta ás necesidades dun dos concellos con maior demanda educativa e que temos previsto ter rematada para o inicio de curso, de tal xeito que os alumnos poidan gozar dos novos espazos desde o primeiro día”, apuntou.

Tal e como explicou, o espazo resultante permitirá impartir o ciclo de FP Básica en Servizos comerciais por primeira vez este curso neste centro. “Introducindo estas ensinanzas neste instituto damos alternativas ao alumnado de Mos, que ata momento tiña que desprazarse a centros públicos de Vigo para cursar FP”, resaltou.

En concreto, aumentouse a zona de aulas do primeiro andar en catro novos espazos, para este e outros usos, todos eles cunha superficie maior de 60 m2 e con iluminación exterior. A intervención redunda tamén na transformación do andar baixo e na ampliación da biblioteca. Neste sentido, Román Rodríguez destacou a importancia das bibliotecas escolares, eido “no que Galicia é un referente a nivel estatal e que se converteron en verdadeiros laboratorios de aprendizaxe e que contribúe aos bos resultados do alumnado galego en compresión lectora”. A nova biblioteca inclúe unha zona de estudo no andar primeiro comunicada co baixo a través da creación dunhas escaleiras.

Con esta actuación, o Goberno autonómico eleva a 1,1M€ o investimento no instituto de Mos, onde en 2020 xa se realizaron traballos de mellora da cuberta.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS