A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo esta semana un encontro coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e con representantes da asociación de empresarios Aemos e da Mancomunidade do Polígono do Rebullón, para falar sobre o proxecto que prevé a instalación de infraestruturas de enerxía renovable nas áreas empresariais do municipio.
A idea é realizar un estudo de viabilidade previo para avaliar a posibilidade de instalar paneis fotovoltaicos no parque empresarial, de tal xeito que as empresas poidan acceder a un prezo enerxético máis competitivo través dun contrato de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA).
Trátase dun proxecto piloto no que a Xunta de Galicia colabora, consciente de que no actual escenario de transición enerxética o tecido empresarial ten unha oportunidade para mellorar a competitividade e a produtividade incrementando a eficiencia e a sustentabilidade.
De feito, un dos obxectivos da sociedade mixta que se vai crear ao abeiro da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia será promover nos parques empresariais galegos este tipo de proxectos. É unha solución que non supón custo algún para as empresas, máis aló do custo do MWh que se acorde no contrato PPA, o que lles garante o acceso a un prezo eléctrico fixo máis competitivo que o de mercado.