viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsO Season Fest centrarase en "mellorar a experiencia do público"

O Season Fest centrarase en «mellorar a experiencia do público»

- Ademais, revisa accesos, horarios e a zona gastro para volver a esencia da primeira edición

A organización do Season Fest, que se celebrará en Gondomar do 21 ao 24 de setembro, decidiu realizar diversos cambios de concepto “para mellorar a experiencia do público” e volver a esencia da primeira edición.

O director do festival, Isaac González, comenta que “despois de 5 anos en contacto permanente cos usuarios para escoitar as súas demandas decidimos darlle un xiro a todo pensando en facilitarlle a vida”. A primeira decisión é a de eliminar o pago por cashless. “Este método de pago é cómodo para o propio festival e mellora os seus ingresos, pero é falso que sexa mellor para o usuario”, recoñece Isaac. “este ano, no Season Fest vés cos teus cartos, pagas cos teus cartos e vaste cos teus cartos, sen facer colas nin cubrir formularios de devolución”, sinala.

O Season Fest é un festival “pequeno e bonito que non quere complicarlle a vida a ninguén e no que todo o mundo é importante”. De aí que outras decisións tomadas sexa a da eliminación das zonas VIP. “Na primeira edición non tiñamos zona VIP e o ambiente foi máis cercano e acolledor. Queriamos volver a esencia de hai 5 anos. No Season todo o mundo é VIP”, comenta.

Ademais, o director do festival, di que, canda ao director artístico Pablo Novoa, “pechamos unha selección de músicos que pretende xerar un ambiente especial que desemboque nunha serie de vivencias que os usuarios non poidan vivir noutro sitio. Para iso coidamos moito a nosa programación, a súa estrutura e a súa execución”.

Entradas e abonos á venda

O público que queira asistir ao Barbeira Season Fest pode mercar xa o abono na súa web. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Season Fest cun 15% de desconto.

O festival contará unha vez mais co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, AIE, Concello de Gondomar, e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS