domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaO Son do Pazo arranca este sabado en Mos

O Son do Pazo arranca este sabado en Mos

- Xisco Feijoó, Mondra ou Elizabeth Davidson-Blythe & Daniel Quayle figuran entre os nomes máis destacados da programación deste ano

A contorna do Pazo de Mos xa está preparada para acoller a oitava edición do festival ‘O Son do Pazo’. Este sábado, 2 de setembro, arrancará a programación xa pola mañá coa celebración das primeiras Olimpíadas Rurais, unha competición aberta á inscrición de todas as persoas con ganas de pasar un bo rato demostrando as súas habilidades para debullar espigas de millo, trasladar a gran velocidade pacas de palla en carretilla ou lanzar un sacho á maior distancia posible. Ás 11:30h arrancará o percorrido pola parroquia dos tractores e chimpíns engalanados que darán paso, a partir das 13:00h ás probas das distintas disciplinas. Haberá, ademais, un posto onde se servirá porco ao espeto, animación de rúa a cargo dos Treboeiros da Muimenta de Sobrada e, xa ás 20:00 horas, actuación de O Fiadeiro.


Pola noite, a música chegará ao escenario principal da man da banda de gaitas anfitrioa, Airiños do Castelo, que dará paso ao dúo da Illa de Man Elizabeth Davidson-Blythe & Daniel Quayle. Con esta actuación, a organización quere facer unha aposta firme pola internacionalización do festival, polo que pasarán tamén bandas e artistas de referencia da escena folk e ‘tradi’ de Galicia. Unha boa mostra son os outros nomes que completan o cartel do sábado: De Ninghures, Xisco Feijóo e Mondra. Sons enxebres mesturados con vangarda musical nun evento de acceso libre e gratuíto para todo o público interesado. Durante a noite farase entrega, ademais, do Premio Mestre Machiño ao mestre e divulgador da música tradicional Xurxo Jachía.

Sesión vermú


O Son do Pazo renova este ano o seu formato e estende a súa programación durante toda a xornada do sábado e tamén o domingo a mediodía. A partir das 12:00h, Brais das Hortas encherá o recinto do festival de música e humor para toda a familia; Adrao Casal convidará ao público asistente a participar nun obradoiro de baile tradicional e a banda Tanto Nos Ten porá o broche de ouro a unha sesión vermú na que haberá tamén polbo e comida a prezos populares. Como en edicións anteriores, a zona de acampada estará instalada no pavillón Patricia Martínez e o recinto do festival contará cunha carpa para garantir a celebración de todos os concertos e as actividades incluídas na programación con independencia das condicións meteorolóxicas.


O Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, entidade organizadora do Son do Pazo, conta coa colaboración a nivel institucional da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos, así como da Comunidade de Montes de Mos e a Fundación Pazo de Mos. Ademais, son numerosas as empresas que farán posible, a través do seu patrocinio, a celebración desta oitava edición do festival.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS