O Comité Clínico sitúa ao Concello de Soutomaior no nivel alto de restricións, no que continúa o concello de Mos.
Soutomaior era un dos concellos nos que rexía o nivel máximo de restricións na comunidade. Con todo, logo da reunión de hoxe do Comité Clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia, Sanidade decide inlcuilo agora no nivel alto. Isto quere dicir que a hostalería do municipio pode abrir agora ao 50% do aforo nas terrazas e a mobilidade xa non se restrinxe únicamente ao propio concello.
Así os veciños e as veciñas de Soutomaior , ademais de que xa se poden reunir con ata un máximo de catro persoas non conviventes, poden desprazarse a outros municipios co mesmo nivel de restricións: Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Mos, Cambados, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado.
É dicir, malia a boa evolución dos datos epidemiolóxicos de Mos, Sanidade decide manter ao concello no nivel alto polo que non muda a situación do sector hostaleiro no municipio e a veciñanza ten a mesma mobilidade que a de Soutomaior.
Pola súa banda, O Comité Clínico que fai seguimento da evolución da COVID-19 en Galicia vén de propoñer, na súa reunión de hoxe, que os concellos que teñan o nivel de restricións máximas sexan os de Paradela, A Pobra de Brollón, Boborás, A Mezquita, Vilardevós e Pontecesures. A hostalería destes municipios estará pechada, agás para recollida ou servizo a domicilio.
O resto dos concellos galegos quedan en nivel medio.
Estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do venres día 12 de marzo.
Mañá, ás 10:30 horas, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ofrecerá unha conferencia de prensa na que dará conta destas decisións.