A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-403 en Ponteareas, cun investimento de máis de 575.000€.
As actuacións de mellora de seguridade desenvolvéronse nun tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto quilométrico 10+200.
Os traballos consistiron na reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.
Tamén se dispuxeron puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade.
Ademais a intervención contemplou a incorporación dunha nova glorieta no punto quilométrico 9+900 da vía, atendendo así á solicitude dos veciños.
Esta rotonda permite a realización de certos xiros por parte dos usuarios con maior facilidade e ademais serve como medida para o calmado do tráfico nunha travesía moi transitada.
Este proxecto enmárcase na Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica que vén desenvolvendo a Xunta nos últimos anos.