A comunidade baixa da cifra dos 4000 contaxios en COVID-19. Arestora son 3952 galegos e galegas os que teñen o virus; 216 persoas menos que onte, segundo o SERAS.
Sanidade vén de notificar o falecemento nas últimas 24 horas de dúas persoas que foran diagnosticadas por coronavirus. Trátase dun home de 90 anos da Área Sanitaria de Vigo, en Povisa e unha muller de 68 anos, na Área Sanitaria de Santiago, no CHUS. Ambos presentaban pataloxías previas, segundo o SERGAS.
Nesta xornada, descende a presión hospitalaria pero dun xeito máis moderado que nos días anteriores. Son oito persoas menos ingresadas por mor da COVID-19 en Galicia. En camas convecionais, están ingresados 310 pacientes e 82, nas UCI.
A área sanitaria cun menor número de persoas con COVID é a de Ourense con 244, polo contra, é a da Coruña a que continúa coa peor cifra pois é a única que aínda non baixou dos 1000 casos activos. É máis, supéraa con 1342 contaxios, 46 menos que onte, segundo Sanidade.
Estes son os datos por áreas sanitarias:
- Área Sanitaria de Vigo: 676 positivos activos en COVID-19 (-46)
- Área Sanitaria de Santiago: 451 positivos activos en COVID-19 (-9)
- Área Sanitaria de Pontevedra: 541 (-58)
- Área Sanitaria de Ourense: 244 (-6)
- Área Sanitaria de Lugo: 339 (-34)
- Área Sanitaria de Ferrol: 359 (-17)
- Área Sanitaria da Coruña: 1342 (-46)
É a da Coruña a área con máis persoas ingresadas por mor do virus: 104 pacientes en camas convencionáis (+7) e 29 na UCI (-3).
Reabertas as áreas da Coruña e Pontevedra desde o luns
A partir do luns 8 de marzo, as áreas de Pontevedra e A Coruña deixarán de estar pechadas perimetralmente e cada concello terá as súas propias restricións segundo a súa situación individual. Anunciouno en rolda de prensa este venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.