Oia súmase, logo da última actualización do SERGAS, aos concellos das comarcas que non rexistran ningún positivo en COVID-19 nin a 7 nin a 14 días.
Deste xeito, son xa cinco municipios das bisbarras os que manteñen o seu contador a cero en canto á diagnose de novos casos en COVID-19 entre a súa veciñanza: Salvatera de Miño, Arbo, Crecente, Mondariz-Balneario e Oia. Outros municipios das comarcas do Baixo Miño, Val Miñor ou da Área tampouco rexistraron ningún positivo en 7 días como é o caso de Pazos de Borbén, que baixa así a incidencia acumulada a 7 e 14 días, O Rosal, Gondomar e Fornelos de Montes. Con todo, si teñen contaxios a 14 días polo que aínda non se poden incluír na listaxe das localidades nas que non está presente o virus.
Pola contra, é Salceda de Caselas o concello que aumenta a incidencia a unha semana con máis de 25 casos por cada 100.000 habitantes cando na xornada anterior non se achegaba a esta cifra. Con todo, continúa fóra do rango de prensencia da COVID-19 considerada de risco para Sanidade. A meirande parte dos municipios das bisbarras atópanse nesta mesma incidencia: Baiona, Tui, O Porriño, Vigo, As Neves, O Covelo, Redondela, Ponteareas e Mondariz. Este último, mellorándoa con respeto a actualización anterior do SERGAS.
Segundo os últimos datos de Sanidade, A Guarda baixa a incidencia acumulada nunha semana polo que non supera agora os 10 casos por cada 100.000 habitantes. Xunto a este concello, Tomiño, que consolida os datos en relación ao virus. En Nigrán e na Cañiza, non contan con máis de nove casos en dúas semanas entre a súa veciñanza polo que a incidencia destes concellos non supera os 25 casos por cada 100.000 habitantes.
Os municipios cunha peor situación epidemiolóxica son o de Soutomaior, que segue na incidencia de risco a 7 días e a 14 días con 10 casos diagnosticados nunha semana entre os veciños e as veciñas e o de Mos, que continúa nunha incidencia superior a 250 casos por cada 100.000 habitantes a dúas semanas.