A deputada do BNG, Cristina Fernández Davila, presentou no Parlamento Galego unha iniciativa ante “a situación crítica da sanidade pública nas comarcas do Condado e A Paradanta, que está privando á veciñanza dunha atención sanitaria digna”.
“O Centro de saúde e o PAC de Ponteareas levan dous anos nunha situación de caos e de colapso, debido á decisión do PP na Xunta de non cubrir as vacantes de persoal por xubilacións, baixas e vacacións que provocou en agosto de 2021 a supresión da quenda de tarde tanto en Medicina Familiar como Pediatría. Dende entón, hai miles de persoas sen asignación de persoal médico de familia”, denunciou a deputada do BNG.
Cristina Fernández sinala que “a falta de persoal sanitario e non sanitario agrávase nas épocas de Nadal e verán, cando o centro funciona cun terzo do cadro de persoal”. Ademais de que en Ponteareas regularmente só hai 7 profesionais das 15 prazas que corresponden, a deputada do Bloque sinalou que “neste verán o PAC de Ponteareas ten que soportar numerosas urxencias da veciñanza doutros concellos por non ter atención nos seus propios centros”.
Fernández Davila fixo fincapé na situación concreta das demais localidades destas comarcas. “En Salvaterra de Miño, durante dúas semanas, só se atenderon as urxencias, e para suplir a ausencia de persoal desviaron a Salvaterra un médico de Mondariz, cancelando as citas nesta localidade. Ademais, un único pediatra divide a súa axenda entre As Neves, Mondariz e Covelo, tendo que desprazarse a veciñanza en función de onde se localice. No caso de Covelo e A Cañiza non hai pediatra e as doentes do consultorio de Valeixe son desviadas ao PAC da Cañiza, sobrecargando ao persoal pola falta de substitucións e chegando a deixar o consultorio sen médico, sen enfermeira e sen persoal administrativo.
“A situación é crítica e non podemos permitir que continúe o desmantelamento da sanidade pública, polo que dende o BNG instamos ao goberno do PP na Xunta a que cubra as vacantes de persoal para garantir unha atención estábel e se evite a saturación, a sobrecarga das axendas e ter que acudir ao servizo de urxencias por non dispoñer de médico ou pediatra nos centros de saúde”, sinala Cristina Fernández.
Así mesmo, a iniciativa do Bloque, que tamén se debaterá no Pleno de Ponteareas, insta a dotar o Centro de saúde e o PAC de Ponteareas do persoal necesario para substituír as baixas, vacacións e permisos e así prestar unha atención sanitaria de boa calidade á poboación de Ponteareas e comarca.