A aula da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) no Porriño estrea oferta formativa co comezo de curso. Así, neste 2023/2024 impartirá dous graos, o de Socioloxía e o de Traballo Social.
Cúmprese, deste xeito, un dos compromisos adquiridos e expostos na xornada inaugural, o pasado mes de marzo, desta aula localizada fisicamente no Multicentro de Torneiros. Alí disponse de seis salas nas que se desenvolve toda a actividade da UNED dende outubro de 2022, acollendo ata o de agora unha ampla oferta de cursos de extensión universitaria nos que se matricularon máis de 150 persoas.
O prazo de admisión e de matrícula para estes dous estudos de grao permanecerá aberto ata o 23 de outubro. Antes, o vindeiro mes de setembro, celebrarase unha xornada de portas abertas de divulgación e participación nas actividades da UNED en Porriño, dando oportunidade tamén de sumar ideas e propor suxestións de cara a unha futura oferta formativa da UNED na que se inclúe dende o acceso á universidade a graos, graos combinados, microtítulos, másteres e doutoramentos, idiomas, UNED senior, formación permanente e extensión universitaria.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, congratúlase do crecemento da oferta formativa da aula da UNED na capital da Louriña e reafirma “o compromiso do Concello co sostemento e financiamento deste centro na nosa vila, xa que desenvolve un importante labor no eido cultural, social e empresarial do municipio”. O rexedor pon en valor o carácter vertebrador da UNED, que facilita o acceso ao ensino universitario e achega a educación superior á veciñanza de fóra das grandes cidades. “Eu creo firmemente nunha educación pública e de calidade, e contar con esta aula no Porriño contribúe a facelo posible”, asegura á vez que tamén destaca “a ferramenta que supón para as máis de 2.000 empresas que temos no Porriño ás que convido a participar da traxectoria da UNED de cara a cualificar aos profesionais nas áreas que se precisen”. Neste senso, e atendendo a unha das demandas do mercado laboral máis próximo, “estase a estudar a posibilidade de impartir un curso de soldadura”.
Extensión universitaria
De xeito paralelo a estes dous graos e ás titulacións que nun futuro se irán incorporando, continuarán desenvolvéndose diversas actividades de extensión universitaria, que son todos aqueles cursos, xornadas, seminarios, congresos… impartidos baixo a metodoloxía da UNED e encamiñadas á expedición dun diploma ou certificado.
Neste curso 2023/2024 impartirase Reforzo exame ESO adultos, Lingua de signos española e Inglés. O primeiro deles é de asistencia presencial, do 3 de outubro ao 31 de maio, os martes, mércores, xoves e venres de 18.00 a 21.00 horas e os sábados en horario de mañá, de 10.00 a 13.00; as persoas interesadas deben inscribirse en liña a través da páxina web da UNED e é gratuíto para a veciñanza do Porriño.
Os cursos de Lingua de signos española (nivel II) e o de Inglés II poden realizarse presencial ou on line, requiríndose tamén inscrición previa por internet, o de lingua de signos realizarase do 25 de setembro ao 30 de outubro (os luns e xoves de 18.00 a 21.00 horas) e o de inglés do 6 de outubro ao 15 decembro (os venres de 18.00 a 21.00 horas).