Xa está operativo o Camiño do Río, no tramo das Eiras, no que o Concello do Rosal executou traballos de mellora ao longo de máis 1.100 metros. As obras, cun orzamento superior aos 55.000 euros, realizáronse cunha axuda que o Concello do Rosal solicitou á Consellería de Medio Rural, no marco do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), xunto con fondos propios do Concello. Esta axuda do PIR foi concedida por tratarse dunha zona de desenvolvemento agrario, próxima a explotacións agropecuarias e núcleos rurais de poboación.
A actuación neste tramo do Camiño do Río incluíu unha limpeza da superficie do pavimento, a limpeza e desbroce das cunetas, así como o asfaltado da capa de rodadura, cubrindo o pavimento desgastado e as fochancas.
Esta actuación resultou nunha mellora significativa na seguridade dos vehículos que pasan diariamente por este camiño, e tamén para a veciñanza da zona.