sábado, noviembre 23, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoGrande éxito nas visitas organizadas polo Concello de Tui para dar a...

Grande éxito nas visitas organizadas polo Concello de Tui para dar a coñecer o seu patrimonio

- Están organizadas polo Instituto de Estudios Tudenses e a Asociación de Muiñeiros do río Tripes coa colaboración do Concello de Tui

Gran acollida ás visitas guiadas organizadas neste mes de agosto en Tui co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio no municipio. As prazas están xa completas para todas as rutas ofertadas, e ante a gran acollida vénse se abrir unha visita máis aos muíños do Tripes o día 25.

Así no programa “Coñece o noso patrimonio” organizado polo Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración da concellería de Patrimonio e Turismo do Concello de Tui cubríronse nuns días as prazas ofertadas nas cinco actividades organizadas. Na primeira delas con conferencia e visita á necrópole de San Bartolomeu con Patxi Pérez Ramallo participaron preto de 90 persoas, e este mércores máis de 70 acudiron á ruta guiada pola igrexa de San Bartolomeu por José Ramón Fernández. No interior do templo as persoas participantes puideron coñecer con detalle os capiteis historiados do tempo, a destacada arquitectura funeraria, a sobranceira escultura gótica de San Domingos que ten participado en distintas exposicións, e os tres retablos do templo: o principal realizado por Antonio del Villar, o da nave lateral dereita de Nosa Señora do Rosario, coñecido popularmente coma da “Batalla de Lepanto”, e na nave esquerda o neoclásico de San Vicente Ferrer.

Hoxe luns ás 20.30 h partirá dende o lavadoiro de Riomuíños o percorrido guiado polo historiador tudense Suso Vila sobre “O barrio histórico de Riomuíños”. O martes 22 a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Marta Cendón Fernández conducirá a visita “A Catedral de Tui no medievo. Un percorrido exterior a través do románico e o gótico”. Por último o venres 25 o obxecto da ruta serán “As murallas de Tui” co arqueólogo Juan José Perles Fontao. As prazas están xa completas

A estas cinco visitas súmanse as tres organizadas aos muíños do río Tripes pola Asociación de Muiñeiros do Tripes tamén coa colaboración do Concello.

O pasado venres o presidente da Asociación de Muiñeiros, Ricardo Da Silva, foi o encargado de guiar as persoas participantes nesta actividade coñecendo as peculiaridades desta ruta e a trintena de muíños a carón do río Tripes, puidendo da man de Alberto Romer coñecer o funcionamento dun deles. Esta visita repetirase este venres día 18 tento as prazas xa completas. Ante o éxito de acollida vénse de incorporar unha nova ruta polos muíños para o venres 25 ás 10 h que será guiada por Cristian Lago, e para a que é preciso inscribirse en turismo@tui.gal.

A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana Núñez, destaca a gran acollida que estas actividades están a ter completándose as prazas ofertadas en moi poucos días, o que reflicte o interese por coñecer o noso patrimonio tanto por parte das persoas que nos visitan estes días coma por parte dos propios tudenses.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS