O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destaca a aprobación do plan estratéxico, cunha mobilización de máis de 40 millóns de euros ata o 2024.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do Plan estratéxico para impulsar o valor ambiental e cultural da paisaxe, así como o seu papel como elemento de integración territorial, cunha mobilización de máis de 40 millóns de euros ata 2024.
Feijóo aseverou que o obxectivo é acadar unha paisaxe de calidade. Con este fin, explicou que o Plan Estratéxico da Paisaxe Galega contará con cinco eixes: fixar e executar un método de traballo; desenvolver e renovar os instrumentos de protección; emprender accións concretas de mellora; afondar na colaboración administrativa; e incidir na sensibilización e formación paisaxística.
Do mesmo xeito, avanzou que hai cinco liñas operativas que inclúen algunhas iniciativas salientables. Por unha banda, dedicarase por primeira vez un plan para o control e eliminación do feísmo que contará cunhas 300 actuacións de 3.000 euros de axudas cada unha só no presente exercicio.
Así mesmo, seguirase apostando pola humanización dos espazos urbanos, especialmente, das prazas e vías urbanas dos municipios galegos. E impulsarase o distintivo Bandeira Verde de Galicia, como o que xa teñen Porto do Son e Moaña, co fin de incentivar a súa mellora; así como, os Pactos da paisaxe, como o asinado con Cerdedo-Cotobade ou o da Ribeira Sacra para acordar intervencións.
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta afirmou que este mesmo ano aprobarase a Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia, co obxectivo de afondar nunha contorna o máis humanizada posible e mellor conectada, a través de espazos e itinerarios de valor ecolóxico.
Ademais de continuar impulsando as sendas e itinerarios peonís de interese paisaxístico, como a futura Senda Litoral de Galicia e outras, como as que configuran o Centro Xeográfico de Galicia; Feijóo asegurou que tamén se potenciará o respecto e contacto coa paisaxe, a través do proxecto Coñecer a paisaxe de Galicia a través da bicicleta – 8.000 km de paisaxes en mountain bike, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo.
Ademais, sinalou que se continuará co desenvolvemento de actuacións para preservar e reforzar os parques naturais e espazos da Rede Natura 2000, o coidado das Reservas da Biosfera; e avanzou a celebración do primeiro Congreso sobre a Paisaxe de Galicia, no marco do Xacobeo.