A parroquia de Godóns, en Covelo, celebra esta fin de semana as festas do Rosario e con ela volven non só os actos litúrxicos, a música e o baile tamén os reencontros e as tradicións máis ancestrais. Precisamente para protexer e promover isto último nace a Asociación O Ramo do Rosario, de reciente creación, coa vocación de manter vivas as tradicións para legalas ás novas xeracións e provocar, tamén, momentos de encontro que fomenten a unidade veciñal.
A veciñanza de Godóns non sabería datar a antigüidade da confección do seu ramo pero si pode relatar milleiros de emotivos momentos arredor da súa elaboración, recepción e entrega. Ao longo dos anos os matrimonios casados na igrexa de Godóns rotábanse a responsabilidade de crear un ramo que debía lucir na procesión da festividade da Virxe do Rosario. Ante a dificultade de manter intacta a tradición as veciñas Belén Carballo e Nuria Pardellas deciden crear a Asociación O Ramo do Rosario que será a encargada de aquí en diante de confeccionar e custodiar o ramo de Godóns. Foron elas as que recepcionaron o ramo da man do último matrimonio converténdose en maiordomas. Agora, aínda que non será posible o relevo entre matrimonios, será a unidade veciñal a que faga perdurar a longa tradición do Ramo do Rosario.
Deste xeito, o domingo 6 de agosto o ramo sairá da Casa Cultural de Godóns ás 12:30 para acompañar á procesión. Despois da misa volverá para a casa da veciñanza social onde haberá música, baile e uns petiscos ofrecidos pola comisión das festas emulando ao pincho que ofrecían os maiordomos nos seus fogares tanto no momento da saída do ramo como no momento da chegada.
O Ramo do Rosario de Godóns, aínda que non é o único que se confecciona na contorna, destaca polo seu atrezzo. A diferencia do de Maceira e do da Graña (na que se turnaban os barrios e non os matrimonios) está na materia prima. O de Godóns é de piñeiro e non de loureiro, como o das outras dúas parroquias, e leva máis fitas e flores. Explica Belén Carballo que puido ser a chegada das plantacións de piñeiro nos anos 60 o que provocara que o ramo de Godóns deixase de ser de loureiro. Pero non é esta a única diferencia, o Ramo do Rosario ten certas esixencias, debe ter cinco rodas de ramas, sométese a un procedemento de secado e retíraselle a casca para logo recubrilo de papel dunha soa cor; a continuación, adórnase de papel de cores o resto das ramas e colócase unha flor de papel na punta de cada unha das ramas das que tamén pendura unha fita de cores. A súa confección reúne á veciñanza, normalmente ás mulleres, e provoca momentos de lecer e unión ao redor da perpetuación dunha tradición. Pero isto non é todo, o Ramo do Rosario tamén é unha alegoría á bonanza, á fertilidade da terra e á riqueza da colleita. Coas súas tres ofrendas simboliza un bo xantar a base de viño, cereal, ovos e carne xa que do ramo tamén penduran unha cabaza con viño, unha rosca e un pito, elemento que será sustituído para ir cos tempos e respectar a Lei de Protección e Benestar Animal.
Esta fin de semana en Godóns poderemos gozar, ademais, do primeiro campionato de tute o sábado día 5 ás 18 horas na casa cultural e para os máis cativos e cativas haberá un espectáculo de Brais das hortas ás 19 horas. Pola noite, a partir das 23 horas do sábado será o momento da verbena co grupo La Conexión e coa discomóbil Chasis.