O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, comprobaron de primeira man os avances da segunda fase das obras de mellora e humanización que se están a desenvolver no parque da urbanización Alameda, na Avenida de Galicia.
As continuas filtracións que se daban neste espazo de uso público estaban a causar danos estruturais no soporte da praza e afectando ao garaxe que se atopa baixo a mesma, algo que estaba a causar numerosos perxuízos aos usuarios destas prazas de aparcamento.
Co fin de resolver este problema, o Concello do Porriño acometeu as obras de impermeabilización deste espazo, que abrangue unha superficie de 2.000 metros cadrados, aproveitando a actuación para levar a cabo a humanización da outra parte da praza e o seu acondicionamento como espazo público de lecer, creando un novo parque infantil para disfrute dos máis pequenos.
“Coa primeira fase xa executada, continuamos coa humanización da praza cunha segunda intervención de substitución do pavimento existente e a impermeabilización do soporte estrutural da propia praza”, explicou Lorenzo, “Ademais, facilitarase a accesibilidade ás vivendas e baixos comerciais con acceso ao interior da praza, xa que algún deles presentaba desniveis que dificultaban a accesibilidade”.
O orzamento desta segunda fase do proxecto ascende a 83.182,61 euros. A humanización e mellora desta céntrica praza supuxo unha inversión de 138.868 euros, financiada na súa totalidade a través dun convenio de colaboración asinado coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.