Dende o pasado sábado día 30 artistas chegados de diferentes partes do mundo achegan a Piñeiro de Areas, Covelo, actividades de promoción e difusión da cultura popular. Dende esta pequena aldea da comarca da Paradanta, o Festival Cultural de Artes Escénicas e Tradición Popular Artealdea ofrece a oportunidade única de gozar das performaces, da música, dos obradoiros de artesanía, das clases de baile tradicional, de excursión e doutras moitas propostas que enxalzan o folclore.
Mañá venres 4 de agosto pola mañá haberá sesión de ioga e obradoiro de cerámica. Pola tarde, a telepatía e as capacidades sobrenaturais chegan a Artealdea da man de Burujabeak ás 17:30 horas, a continuación actividades de animación e ás 20 horas performance Folkcorop Lab porá en escena As árbores de Piñeiro. Ás 21:15 actuará Sonia Vargas con Volta ao campo de Sor Marijuana. A guitarra española e flamenca soará conÓscar Gallardo e co seu espectáculo Armonia en Vivo ás 22 horas.
A visita á praia fluvial dos Patos será en coche o sábado día 5 ás 11 horas. A esta mesma hora comezará o obradoiro no que tecerán unha alfombra circular con camisetas recicladas. Pola tarde, a partir das 17:30 horas, traballarán no mural colectivo; ás 18:30 horas cita con Breaking Vigo; ás 19 horas será o concerto de Sueño de Calíope; ás 20:30 danza extracórporea con Folkorp seguida de cancións para o recordo e ás 21:30 Nova Trova Cubana. O dúo flamenco Leisa actuará ás 22:15 .
Unha ginkana nutrirá a programación do domingo 6 de 11 a 13:30 horas e de 14 a 16 horas será a gran comida popular na que participará o público, as persoas colaboradoras, artistas e organización cunha contribución de 6€ por persoa. A mostra dos produtos realizados nos obradoiros abrirá de 17 a 18 horas. Ás 18:30 horas haberá actuacións musicais ata as 21 horas con música popular e tamén freestyle para dar paso xa a gran queimada que pechará o programa.
Pero a programación da XVII edición de Artealdea non remata aquí, o venres día 12 de agosto de 10 a 14 horas Marta Martula impartirá o obradoiro de Clown. Ás 11 horas e ata as 14 horas Helena de Kafteria ofrecerá totalmente de balde un taller de costura. De 11 a 18 horas volve o taller de cerámica. Este día tamén haberá clases de baile galego e de tango a partir das 12 horas.
Artealdea nace en 2007 cando a sensibilidade de Gigi, Alberto Garcia Tejedor, nado en Bilbao, detecta a necesidade dun encontro anual que conserve e difunda o folclore popular. Cada ano este festival atrae a centos de persoas ao rural da montaña galega, ao pé da Serra do Suído. Cristina Maniglia Perasso (Francis) acompáñao na súa viaxe a través da recuperación da sabedoría das xentes. Ela é directora de escena, deseñadora de iluminación e decoradora, ademáis de cantante, bailarina e actriz de longa traxectoria en teatro e en ópera, con amplia formación artística e técnica.