lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaO Festival Intercéltico "O Son do Pazo" volve os días 2 e...

O Festival Intercéltico «O Son do Pazo» volve os días 2 e 3 de setembro

- O festival intercéltico de Mos renova o seu formato, con concertos o sábado pola noite e o domingo en horario de sesión vermú

O Festival Intercéltico O Son do Pazo celebra este ano a súa oitava edición cun cartel no que figuran, como xa vén sendo habitual, algúns dos nomes máis destacados da escena ‘tradi’ e folk galega actual. Na programación figuran tanto artistas consolidados como bandas emerxentes que están a revolucionar o panorama musical galego.

A tarde do sábado 2 de setembro, a festa comezará coa primeira edición das Olimpíadas Rurais, unha das novidades da programación deste ano, e o público poderá degustar ademais porco ao espeto. Os Treboeiros da Muimenta de Sobrada amenizarán o ambiente na rúa co rebumbio dos seus bombos, antes de dar paso á actuación do Fiadeiro, unha das agrupacións de referencia en toda Galicia no eido do baile tradicional que este ano está a celebrar o seu 25 aniversario.

A banda anfitrioa, Airiños do Castelo, ofrecerá o primeiro concerto da noite no escenario principal, polo que pasará tamén o dúo formado por Elizabeth Favidson-Blythe e Daniel Quayle, procedente da Illa de Man. Con esta actuación, a organización do evento consolida a súa aposta pola internacionalización, abrindo O Son do Pazo a unha nación celta que nunca antes estivera representada no cartel do Festival.

A programación da noite continuará coa música de De Ninghures, unha das grandes revelacións da música galega dos últimos anos. Despois chegará Xisco Feijoó, un dos cantantes e bailadores máis respectados do país, con máis de trinta anos de traxectoria ás súas costas, que levara ao Festival os temas do seu primeiro disco ‘Peixe’. A noite rematará co espectáculo de Mondra, un artista que apostou, con enorme éxito, por mesturar os sons máis enxebres da tradición galega coas tendencias máis innovadoras da música actual.

O formato do festival renóvase nesta oitava edición, con actividades programadas tamén para o domingo en horario de mediodía. Brais das Hortas encherá o recinto do festival de música e humor para toda a familia; Adrao convidará ao público asistente a participar nun obradoiro de baile tradicional e a banda Tanto Nos Ten porá o broche de ouro a unha sesión vermú na que haberá tamén polbeiro e comida a prezos populares.

Institucións colaboradoras

A presentación do cartel do VIII Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’ tivo lugar no auditorio do Pazo de Mos e contou coa participación de representantes de todas as administracións públicas que colaboran coa organización. Xunto ao presidente do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, Ramón Alfaro, estiveron presentes a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández Tapias e o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García. O acto contou tamén con representación da Comunidade de Montes de Mos e a Fundación Pazo de Mos, entidades colaboradoras do festival.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS