A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, confirmou a boa evolución do mercado laboral de Galicia tras coñecer os datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social publicados hoxe. Destacou que estes datos, unidos aos coñecidos a semana pasada da Enquisa de Poboación Activa (EPA), constatan que en Galicia descende o paro e estase a crear emprego. De feito, a EPA reflectiu que a taxa de paro en Galicia caeu por debaixo dos 10 puntos -9,6- e que continúa a ser máis baixa que a do Estado -11,6-.
No mes de xullo, a comunidade autónoma acadou o número de paro máis baixo de toda a serie histórica por cuarto mes consecutivo con 127.445 persoas sen emprego, a mellor cifra de hai 27 anos. “Continuamos con cifras récord e o paro segue a decrecer e as afiliacións crecen na evolución anual e mensual”, apuntou Rivo. De feito, Galicia é a terceira comunidade na que máis descendeu o paro e na que máis medraron as afiliacións en termos absolutos no último mes.
Con respecto á evolución anual, o desemprego caeu nun -8,87% (-12.405 persoas), unha baixada superior á do Estado (-7,14%) con 1,73 puntos de diferencia, descendendo nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos. Liderou o descenso o primario (-15,56%), seguido da industria (-12,10%), da construción (-10,91%) e dos servizos (-9%). Por colectivos prioritarios, as cifras de parados menores de 30 anos e de mulleres son as menores da serie histórica (2005). Ademais, desde xullo de 2008 non se rexistraba un número tan baixo de persoas paradas de longa duración nun mes de xullo.
O número de cotizacións continúa a superar a barreira do millón (1.078.128), situándose a un nivel superior ao de hai 14 anos.
No referido á comparativa co mes de xuño, o paro descendeu nas catro provincias, no colectivo de mulleres, no de parados de longa duración e entre os menores de 30 anos, así como en todos os sectores económicos. A baixada rexistrada en Galicia (-1,22%) no paro foi superior á do Estado (-0,41%), e as afiliacións creceron máis na comunidade galega (+1,02%) que na media estatal (+0,11%)
Pulo ao emprego xuvenil
En palabras de Rivo, o Goberno galego seguirá a reforzar as políticas activas de emprego para continuar a mellorar estes datos e, para iso, apuntou que seguirán sendo colectivos prioritarios na Xunta as persoas con máis dificultades para atopar un posto de traballo, como son as mozas e mozos. Neste senso, lembrou que a taxa de desemprego xuvenil, segundo os últimos datos da EPA, é de 18 puntos en Galicia, fronte aos 20,1 de España.
Os menores de 30 anos -lembrou- contan cun plan de emprego específico para eles, o Plan Emprega Xuventude, que está dotado con 27 millóns de euros para impulsar a formación e o traballo de preto de 1.900 persoas novas. Neste Plan enmárcase o programa Talento 30, que se aprobará mañá no Consello da Xunta: é unha iniciativa que conta con 7,5 millóns de euros de orzamento para favorecer a contratación en empresas de menores de 30 anos con incentivos de ata preto de 20.000 euros por persoa moza.
“O reto é que se siga creando emprego xuvenil en Galicia e que a nosa mocidade, o novo talento galego, poida acceder ao noso mercado laboral nas mellores condicións”, resaltou Rivo, ao tempo que explicou que “o traballo aporta autonomía, benestar e independencia e se queremos que as novas xeracións sexan donas do seu destino debemos tratar de ofrecerlles un emprego de calidade e digno, o compromiso da Xunta de Galicia en materia de emprego”.