Coincidindo co paso desta variante do Camiño de Santiago pola Real Vila, o rexedor local e o seu equipo de goberno recibiron ao alcalde madrileño, quen destacou ‘os lugares extraordinarios polos que pasa o Camiño’.
‘Uns espazos naturais como este no que nos atopamos, Baiona, que son espectaculares’, expuxo sobre a entrada do Camiño Portugués da Costa na súa entrada polo Faro de Cabo Silleiro onde se pode avistar á fronte a espectacular Fortaleza de Monterreal.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, agradeceu a Martínez-Almeida, a súa parada no municipio, explicou que é a primeira vez que fai o Camiño Portugués da Costa, despois de facer o Primitivo, o Francés e o Inglés.
O rexedor baionés, destacou o modelo da Cidade de Madrid que dirixe o seu homólogo dicindo que «Madrid é un modelo de cidade en moitas áreas».
Tras asinar no Libro de Honra do Concello de Baiona, Almeida sinalou ‘que o percorrido está cheo de ambiente, atopándose con moitos peregrinos que camiñan na mesma dirección’.
Tras a parada en Baiona, a ruta continúa. O alcalde volve ao Camiño, co firme propósito de regresar ao municipio baionés para gozar das bondades culturais do municipio así como da súa gastronomía tras a camiñata a Santiago. O rexedor madrileño coñece de primeira man que a localidade baionesa é unha das grandes elixidas pola cidadanía madrileña para pasar os seus días de descanso veraniego, e Almeida tampouco quere perder esta oportunidade de coñecer de primeira man o destino vacacional de moitos dos seus veciños e veciñas.