martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasO CondadoPonteareas amplía o periodo de renovación do DNI

Ponteareas amplía o periodo de renovación do DNI

O sistema de cita previa na Oficina de Estatística e Padrón atendeu a 3.729 persoas en menos de sete meses

 

O Concello de Ponteareas ampliou o sistema de cita previa telefónica e por internet ao servizo de renovación do DNI que presta a Policía Nacional na Casa do Concello cada dous meses. Este sistema de atención cidadá súmase ao de Estatística e Padrón onde se implantou no mes de agosto do pasado ano. Segundo Roberto Mera, concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, onde se inclúe a competencia en materia de información cidadá, “a mellora e modernización da atención cidadá é un dos principais obxectivos do actual mandato”. Mera lembrou que tralo remate da corentena, o pasado ano, o Concello creou a Oficina de Información e Atención Cidadá, atendida por dúas traballadoras que se ocupan da información telefónica así como presencial na propia Casa do Concello, á que se suma a atención telefónica e presencial no acceso ao Centro de Servizos Sociais.

As citas para a renovación do DNI víñanse dando até agora na Oficina da Policía Local. O servizo de renovación préstase cada dous meses ofrecéndose un total de 70 citas, que resultan claramente insuficientes para a demanda existente. “No mes de febreiro, as 70 citas esgotáronse en poucas horas unha vez se abríu o prazo para solicitalas e outras 70 persoas quedáronse sen posibilidade de facer a renovación do DNI nese mes. Por iso dende a Alcaldía estase xestionando coa Subdelegación do Goberno que o servizo se preste mensualmente en lugar de cada dous meses”, explicou Mera.

Case 4.000 persoas atendidas con cita previa en Estatística e Padrón en sete meses

En canto á Oficina de Estatística e Padrón “o balance destes primeiros sete meses é moi satisfactorio” segundo o Concelleiro de Bo Goberno. “Antes non se daban citas previas, co cal a xente probaba sorte, acudía á oficina e tiña que facer cola. Co sistema actual estase atendendo con puntualidade ás persoas usuarias que acuden coa cita previa e non teñen apenas que agardar”. En sete meses déronse un total de 3.729 citas, das que o 68% foron telefonicamente e o 32% por internet. Tan só 390 non acudiron á cita solicitada, o que representa pouco máis do 10%.

Para acceder telefonicamente ao sistema de cita previa o Concello conta co número 886405106. Para facelo a través de internet a persoa interesada debe acceder á web do Concello e entrar na pestaña de “atención e información cidadá”. Ademais o sistema envía un recordatorio por SMS á persoa usuaria 24 horas antes da hora fixada para a cita.

A implantación dos sistemas de cita previa foi supervisada pola Oficina de Innovación do Concello de Ponteareas, que dirixe o concelleiro socialista, Benito Márquez.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS