O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, reuniuse esta mañá co conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, e explicou o Polo para a Transformación de Galicia.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, analizou hoxe co conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, as posibilidades que ofrecen os Fondos Next Generation. En concreto, o mandatario galego aproveitou este encontro para informar a Repsol sobre os proxectos nos que traballa o Goberno galego para optar aos fondos europeos de reconstrución.
Entre as principais iniciativas está o Polo para a Transformación de Galicia, do que recordou que está aberto á participación das empresas. O presidente autonómico detallou especialmente dous dos proxectos tractores que se inclúen no mesmo: unha planta de produción de fibras téxtiles sustentables a partir de celulosa e que permita un mellor aproveitamento dos recursos forestais; e sobre todo un centro para o impulso da economía circular a través do cal se desenvolverá unha instalación para a xeración de biogás e unha planta de fertilizantes.
Neste sentido, Feijóo destacou as posibilidades de avanzar no eido da colaboración público-privada, aproveitando as sinerxías que se poden compartir con Repsol a través das liñas de produción coas que xa conta en Galicia, como é o caso do biogás e os biocombustibles.
Proxectos de Repsol en Galicia
Pola súa banda, Imaz informou dos proxectos verdes presentados pola compañía aos fondos europeos Next Generation e vinculados á refinería da Coruña. Concretamente, Repsol presentou na reunión os seus proxectos vinculados á economía circular, a dixitalización, a rede de recarga de vehículos eléctricos, o autoconsumo enerxético e a xeración distribuída.
O primeiro deles refírese á produción de hidróxeno renovable a partir de biogás obtido do tratamento de residuos urbanos. A segunda iniciativa corresponde á implantación de novas tecnoloxías nas actuais unidades da refinería da Coruña para incrementar a capacidade de produción de biocombustibles avanzados a partir de materias primas sostibles e de residuos procedentes de fogares.
Outro dos proxectos ten que ver coa dixitalización e a eficiencia operativa dos procesos, así como co reforzo da seguridade mediante a automatización de tarefas, a conectividade en tempo real e a analítica avanzada. E a última das iniciativas en estudo consiste en aproveitar os focos de calor residual da refinería da Coruña para quentar auga destinada aos núcleos urbanos próximos, o que suporía un aforro enerxético.
Hai que recordar que Repsol está tamén a executar na actualidade o traslado dos tráficos de cru ao Porto Exterior de Punta Langosteira, unha actuación orzamentada en 126 millóns de euros. Este mesmo mes está previsto que comecen os traballos de construción do poliducto que unirá a refinería co Porto Exterior, que se suman á obra do novo pantalán, xa en fase de finalización.
Tanto Feijóo como Imaz coincidiron la importancia da colaboración público- privada e do sector industrial, polo seu efecto tractor na economía e no emprego de Galicia. Precisamente o pasado xoves o Consello da Xunta deu luz verde á creación dunha sociedade pública- privada, con presencia das entidades financeiras, que canalizará os proxectos da candidatura galega aos fondos Next Generation.