O Campo Municipal de Fútbol “A Gándara” de Guillarei conta con novo sistema de iluminación. O Concello de Tui vén de investir 4.500 € de fondos propios para a renovación das torretas de iluminación e o cambio a tecnoloxía led das luminarias.
Deste xeito o Concello de Tui segue apostando pola mellora das instalacións deportivas municipais para que reúnan as condicións máis axeitadas para a práctica deportiva.
Así en concreto no campo da Gándara, ante o mal estado das torretas estas foron substituídas por unhas novas. As novas torres de iluminación e as luminarias LED proporcionan unha iluminación máis potente, uniforme e eficiente enerxeticamente. Amais a tecnoloxía LED permite un maior aforro de enerxía en comparación coas luminarias convencionais, reducindo así o impacto ambiental.
O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, sinala que este investimento reflicte o compromiso do Concello co deporte mellorando as condicións das distintas instalacións para a práctica deportiva.