sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsComarcasO Parque Piñeiro, en Porriño, estreará novos espazos de lecer e zonas...

O Parque Piñeiro, en Porriño, estreará novos espazos de lecer e zonas de xogo

- Xa comezaron os traballos de reacondicionamento e mellora deste parque que abranguen un área de 1.300 m2 e inclúen a creación unha nova área de xogo, ampliando a oferta de actividades de lecer a nenos e nenas de idades post-infantís nunha área de 550 m2

O Concello do Porriño está a executar as obras de reacondicionamento e mellora do Parque Piñeiro, en Torneiros, unha área de xogo que constitúe o principal punto de encontro para os nenos e nenas da parroquia e da que gozan preto de 800 pequenos e pequenas que residen na súa contorna, ademais do alumnado dos centros educativos próximos que o utilizan como espazo de aprendizaxe ao aire libre.

“A situación que presentan moitos dos elementos instalados nesta área infantil poñen en perigo a seguridade dos nenos e nenas que diariamente concorren ao mesmo, polo que resultaba imprescindible a súa reparación”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O proxecto, que conta cun orzamento de 44.103 euros, reacondicionará un espazo de 1.300 m2 e inclúe a creación unha nova área de xogo, ampliando a oferta de actividades de lecer a nenos e nenas de idades post-infantís nunha área de 550 m2.

Os traballos contemplan a reparación e substitución de elementos de xogo danados, a reparación do pavimento, instalación de novos elementos como un novo tobogán, unha tirolesa de 20 metros de lonxitude ou unha pirámide de 3,5 m de altura, así como novo mobiliario urbano que fará deste un espazo verde para distrute de todas e todos.

Cabe destacar que se integrarán os xogos habituais con xogos accesibles e adaptados para nenos e nenas con problemas de mobilidade, para todas e todos poidan facer uso por igual deste parque.

“Queremos ampliar a oferta de actividades de espazos e actividades de lecer en Torneiros e no resto do Porriño, ofrecendo novas posibilidades de xogo activo para fomentar o desenvolvemento físico, cognitivo, emocional e social dos máis pequenos”, concluíu o rexedor.

Esta é unha das intervencións impulsadas polo Concello do Porriño para a posta en valor da parroquia de Torneiros, unha das máis poboadas do municipio con 3.950 habitantes. Os polígonos residenciais, onde se atopa o Parque Piñeiro, concentran o 98% da súa poboación e neste punto estase a intervir con diversas actuacións de mellora, entre as que destaca o proxecto de rehabilitación a nivel de barrio que achegará 1 M á veciñanza para a reparación das súas vivendas. Nas próximas semanas publicaranse as bases para a solicitude destas axudas.

Ademais, o Concello do Porriño adianta que destinará 300.000 euros máis de fondos propios a diferentes melloras e obras dirixidas a mellorar a calidade de vida da veciñanza desta parroquia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS