O goberno de Nigrán aprobou en solitario no Pleno ordinario desta mañá a modificación do Plan Estratético de Subvencións 2020-2023 para incluír neste exercicio diferentes axudas concretas a entidades veciñais e culturais e cuxo orzamento xa fora consignado na sesión de Abril. Esta ampliación, que tivo o voto en contra de PP e BNG, eleva as achegas do Concello de Nigrán ata a cifra record de 297.500 € e inclúe novidades como 30.000 € en concorrencia competitiva para os cemiterios privados (todos aqueles de propiedade veciñal) e 60.000 € para as comunidades de augas (estas entidades xa tiveran axudas os anos pasados pero agora será por concorrencia competitiva para poder aproveitar mellor o contía entre todos os solicitantes).
O resto da modificación realizouse para incluír axudas directas dun total de 90.000 € para financiar obras de mellora nas diferentes sedes dos centros culturais do municipio, os catro con problemas por resolver pero parados por falta de cartos ( concretamente, son 30.000 € para un ascensor que faga accesible o C.C. Bolos da Carrasca; 20.000 € para climatizar o auditorio de O Torreiro de Priegue; outros 20.000 € para impermeabilizar o Centro Cultural A Camoesa e 20.000 € para unhas reformas no C.C.Parada do Miñor ). Ademais, introdúcense outras xa consignadas como poden ser as axudas para crear bancos de libros no IES Val Miñor, CPI Arquitectos Palacios e IES Proval (20.000 € cada un) ao ser este o único ciclo de ensinanza pública que non ten libros de texto gratis, ou 10.000 € para o proxecto ‘Nadafa’ de recollida de lixo nos campamentos de refuxiados saharauis en Alxeria.
«Estas subvencións xurden do contacto directo e constante coas diferentes entidades culturais, deportivas ou sociais que traballan no municipio, son elas as que nos realizan estas demandas e, desde o goberno local, consideramos de xustiza axudalas porque todas reverten o seu traballo no benestar da veciñanza. Agora simplemente se incorporan ao plan para ser transparentes e facilitar os trámites de cara ao pago», explica o alcalde, Juan González. Así, tamén se inclúen 10.000 € para Protección Civil, 6.000 € para Discamino, 20.000 € para Avelaíña, 6.000 € para Igualarte, 4.000 € para CEMMA, 2.500 € para o campamento inclusivo do CEE Juan María…
Contrato de recollida do lixo e limpeza viaria
Igualmente, o goberno local deu luz verde ao inicio do expediente de contratación do servizo de recollida do lixo e de limpeza viaria co voto favorable do PP e a abstención do BNG. Tras este primeiro trámite no que se acepta emprender a contratación, no seguinte pleno o goberno local presentará para a súa aprobación as bases que regularán a licitación. Tras case tres anos prorrogado a Cespa-Precero, os novos plegos pasarán dunha concesión de 16 anos por 26 millóns de euros a unha adxudicación de servizo con valor máximo de 32,9 millóns de euros e 10 anos de duración sen dereito a prórroga. Este será o contrato con maior dotación económica na Historia do Concello de Nigrán e o obxectivo da multiplicación orzamentaria non é outro que a renovación absoluta da calidade da prestación.