O Concello de Tui vai rehabilitar 5 vivendas no edificio de titularidade municipal en Caldelas, o que suporá un investimento de 425.743,84€. Deste total o Instituto Galego de Vivenda e Solo financiará 250 mil euros ao abeiro da convocatoria das Subvencións para rehabilitar as edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social. O prazo de execución remata o 25 de outubro de 2024.
En concreto as vivendas a rehabilitar serán no portal 1 o baixo C, no portal 2 os baixos D, E e F, e a vivenda adaptada do Portal 3.
Nas vivendas procederase ao cambio da carpintería exterior e a colocación dun elemento metálico para ocultar a unidade exterior de aerotermia. As obras a executar contempla o cambio da instalación de fontanería, saneamento, calefacción, eléctrica e de telecomunicacións, así coma da carpintería interior. Tamén se procederá ao revestimento e trasdosado, con cambio dos pavimentos, alicatados, guarnecidos e pinturas. Nas cociñas instalarase o mobiliario e electrodomésticos , mentres que nos baños cambiaranse os sanitarios, instalarase un moble de lavabo e a mampara de ducha.
Amais no caso da vivenda adaptada mellorarase a accesibilidade da mesma. Así para facilitar a mobilidade igualarase a cota do solo da garaxe á da vivenda, farase unha redistribución da zona eliminando a actual porta de acceso á garaxe e substituíndoa unha ventá que dará iluminación ao rocho, e abrirase unha nova porta de acceso ao garaxe na fachada. Tamén se modificará a rampla de acceso á vivenda e a súa varanda.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicaba que o arranxo destas vivendas para dedicalas a vivenda social “era unha reivindicación histórica á que este goberno lle quería dar cumprimento”, ao tempo engadía que con esta actuación comeza “a cumprirse ese compromiso de comezar a colocar vivenda de uso social” o que engadía “é unha magnífica noticia”. Dos 425 mil euros de investimento previsto o IGVS aportará 250 mil euros, polo que Enrique Cabaleiro indicaba que terán que estudar se financiar con fondos propios o importe restante ou conseguir unha subvención adicional. Así sinalaba que “estudaremos cal é a forma menos onerosa para a Tesourería local e tamén a máis áxil, e ese é o traballo que teremos que facer a partir de agora”.
Salienta o alcalde de Tui que tras esta actuación quedarán xa rehabilitadas todas as vivendas que neste intre están baleiras neste edificio municipal. Lembraba amais como no mandato anterior con financiamento da Deputación acometéronse obras importantes de rehabilitación neste edificio.